Os 7,2 millóns do Plan Único da Deputación financiarán 42 obras en Ferrol, Eume e Ortegal

Os concellos da zona reciben máis de 728.000 euros para os gastos sociais extraordinarios derivados da Covid19

Nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, o Plan Único (POS+2020) impulsado polo goberno provincial de Valentín González Formoso supón este ano unha inxección económica inicial de 7.194.253,61 euros, dos que case a metade (3.367.993 euros) serán destinados ao financiamento de 42 obras de construción e mellora de infraestruturas públicas.

Construción de beirarrúas e mellora de estradas e camiños en Ferrol, Cabanas, Moeche, As Pontes, Neda, A Capela ou Monfero; creación de redes de saneamento e abastecemento de auga en Fene, Ares e Cerdido; mellora de instalacións culturais e deportivas coma a biblioteca municipal Fernández Latorre de Ortigueira ou o campo de fútbol de Mourente, en Valdoviño; novos parques infantís en Narón, Moeche e construción de infraestruturas coma a nova pérgola de praza de Galicia de Cedeira son algúns dos proxectos que contarán este ano con financiamento do POS+ provincial para a súa execución.

Outra parte importante do Plan Único (2.824.805,40 euros) destínase a financiar parte do gasto corrente de 18 concellos da zona. Con estes fondos, a Deputación colabora cos municipios no financiamento dalgúns servizos esenciais coma a limpeza de rúas e estradas, a recollida de lixo ou o alumeado público, que contribúen a mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Ningún concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal solicitou este ano fondos do POS+ para reducir a súa débeda e só seis destinan parte dos fondos a pagos de provedores, por un importe total de 272.903,54 euros.

Gastos sociais extraordinarios 

Cabe destacar que o Plan Único conta este ano cunha achega especial de 4 millóns de euros procedentes de superávit para apoiar aos concellos da provincia nos gastos sociais extraordinarios derivados da Covid19.

Destes 4 millóns, os concellos das tres comarcas reciben un total de 728.551 euros euros, con cantidades que oscilan entre os 97.307,78 euros de Narón e os 19.144,31 euros de Cerdido e que se destinan a cuestións coma o reforzo dos servizos municipais de Asistencia no Fogar ou a compra de equipos de protección (EPI).

Salir de la versión móvil