A suspensión da taxa de terrazas entre o 14 de marzo pasado e o vindeiro 31 de agosto vén de entrar en vigor coa publicación definitiva no Boletín Oficial da Provincia da modificación da ordenanza fiscal número 19 do Concello de Ferrol, de ocupación de mesas e cadeiras. Isto significa a suspensión da aplicación do importe da taxa aplicable durante dito período, que comezou coa entrada en vigor do estado de alarma en todo o territorio nacional co fin de afrontar a crise sanitaria, e concluirá o último día deste mes.
Deste modo, os establecementos hostaleiros de Ferrol non pagarán a coñecida como taxa de terrazas durante eses cinco meses e medio. Con esta iniciativa, o Concello pretende beneficiar economicamente a un sector especialmente golpeado pola crise da Covid-19 e do que dependen un gran número de empregos na cidade.
Supón estender aos meses de verán unha medida que, en principio, estaba contemplada para o período no que bares, cafés e restaurantes estiveran obrigados a permanecer pechados. A iniciativa, que foi aprobada unanimemente pola corporación municipal na sesión plenaria de maio, é aplicable a todas as terrazas que xa dispoñían de licencia e tamén ás que a obtiveran ou vaian obter antes do 31 de agosto.
Os obrigados tributarios do padrón de mesas e cadeiras, directamente afectado pola suspensión da apertura ao público acordada polo Real Decreto 463/2020, deberán esperar a que o Concello lles remita novos documentos de ingreso, nos que xa estará contemplado o desconto.