Para garantir a atención ás persoas sen teito o Concello de Ferrol explorou a posibilidade de obter máis espazo no albergue Pardo de Atín, pero ante a imposibilidade de que cubra toda a demanda, o Concello encargarase de proporcionarlle aloxamento ás non teñan praza nese centro. Ademais, xa se acordou coa Cociña Económica o envío de menús a esas mesmas persoas. En principio, trátase de 16 que non son usuarias habituais da institución benéfica.
Pola súa banda, Cáritas manterá aberto o seu centro de inclusión social. Para usuarios dos comedores sénior que se atopen en situación de vulnerabilidade, o Concello contratou un servizo de entrega de menús a domicilio.
O peche dos comedores escolares xerou unha situación delicada para moitas familias que tiñan concedida beca para este servizo. Ás que o soliciten, explicou o alcalde Ángel Mato, vánselles proporcionar vales de necesidades básicas para que poidan mercar alimentos. Actualmente teñen concedida a beca case 400 familias.
Servizo a domicilio
Outros dous concellos anunciaron medidas similares nas últimas horas. O Concello das Pontes, debido a situación de estado de alarma e co obxectivo de garantir o benestar da veciñanza, pon a disposición das persoas maiores que vivan soas e das persoas que se atopen en situación de especial vulnerabilidade un servizo de entrega, a domicilio, de alimentos, medicamentos e produtos de primeira necesidade. Será de lunes a venres de 08.00 a 15.00 horas e poderase contactar no 981 44 10 08 ou 627 77 91 29
Pola súa banda, o goberno municipal de Moeche e mailo tecido asociativo acaban de crear un grupo de comunicación para coordinar, de ser necesario, o apoio a persoas maiores ou que vivan soas. O Concello deu o paso de solicitar a colaboración das entidades asociativas para ter unha rede de información que permita coñecer con rapidez calquera necesidade ou incidencia das veciñas e veciños que viven sós e que, nesta situación de limitación da circulación, necesiten axuda para desprazamentos por alimentos, medicamentos ou outras necesidades básicas.
O mesmo ocorre en Cedeira, que abriu novas liñas telefónicas (607 409 065 – 673 223 415) para que a veciñanza poña en coñecemento do Concello a situación de persoas maiores que poidan vivir soas e requiran algún tipo de axuda.
Discussion about this post