O concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, anunciou esta mañá do luns 21 de setembro o remate dos traballos de instalación de dúas marquesinas para o servizo de transporte escolar en vías municipais da parroquia do Val.
O edil indicou que o Concello realizou un investimento duns 6.000 euros para a colocación destas marquesiñas en dúas paradas que carecían delas, ubicadas nunha zona de paso do servizo de transporte escolar onde as usuarias e usuarios carecían dunha zona para resguardarse.
Santalla recordou que cada ano se instalan dúas marquesiñas deste tipo, fabricadas en madeira por ser máis acordes co entorno no que se ubican -en diferentes puntos da zona rural- contemplándose xa este gasto no orzamento como algo rutinario. “O ano pasado colocáronse en Doso e este ano no lugar de Santa Margarita e nas inmediacións da sala de festas da Concha”, apuntou o concelleiro.
O edil naronés avanzou que “o vindeiro ano determinarase a ubicación doutras dúas, unha decisión que se adopta en función das necesidades de cada núcleo rural, tratando de colocalas naquelas zonas nas que máis se precisan e cubrindo así a carencia de marquesiñas para o transporte escolar na zona rural”.
Discussion about this post