A pasada semana o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, firmara un edicto polo que o Concello de Ferrol propoñíalle aos propietarios dos establecementos de ocio nocturno a posibilidade de manter a súa actividade e complementala coa de café bar. Con esta nova medida os locais de ocio nocturno terían a posibilidade de abrir as súas portas ata as 01.00 horas da mañá, aínda que esta idea non parece que acadara apoio no sector.
Apertura dos locais ata as 01.00 horas
O edil anunciara o pasado venres 4 de setembro que os establecementos que o solicitaran no departamento municipal de Urbanismo poderían acollerse a dita opción presentando unha declaración responsable ad hoc acompañada da documentación que require a solicitude.
Tal e como explicaba Julián Reina, «con esta nova alternativa trataranse de solventar as complicacións as que tería que facer fronte os hostaleiros cando tivesen que volver á normalidade e retomar a súa actividade de ocio nocturno», aínda que esta alternativa non contentou a todos os responsables dos diferentes locais de Ferrol.
Queixas dende a Sala Room
Un dos últimos en alzar a voz foi Maximino López, o responsable do pub e sala de concertos La Room, na rua de Sol, quen mostrou aos partidos políticos ferroláns a súa desconformidade con estas novas medidas adoptadas, xa que sosteñen a existencia dunha gran descriminación cara o seu sector en comparación con outros como é o hostaleiro. «Solicitamos aos partidos e dirixentes políticos de Ferrol que se pronuncien e digan claramente cal é a súa postura ante esta, para nós, inxusta e descriminatoria medida», afirmaba.
Finalmente, o responsable da Sala La Room quixo demandar a desigualdade que viven en comparación con outros sectores, posto que estes teñen permitido manter a súa actividade a pesar dos diferentes perigos que poden supor para a propagación do virus.
É por iso que Maximino López, mediante a súa declaración en redes sociais, esixiu que o goberno local mostrara a súa opinión ao respecto, «pois a nosa situación é moi complicada e a nosa supervivencia como empresa depende de estas decisións políticas», finalizou.