Delegados e delegadas da industria auxiliar e membros do comité de empresa de Navantia concentráronse o pasado xoves 3 de setembro diante do Parlamento de Galicia para buscar solucións ante o que parece unha inminente expulsión ao desemprego do persoal das auxiliares.
Último AOR e eólica mariña
O secretario da CIG-Industria de Ferrol, Vicente Vidal, lembrou que o pasado 2 de setembro un dos buques australianos jabandoaba as augas ferrolás e a finais de ano rematarán as obras do segundo AOR, «polo que nos quedaremos sen ningunha carga de traballo, máis alá das reparacións e da eólica mariña».
A consecuencia inmediata desta subactividade é unha sangría de despedimentos na industria auxiliar, que se acelerará de aquí a finais de ano e máis tendo en conta a presente crise sanitaria. «Dende hai máis de un ano non temos nada na grada. A obra nova está a cero e a única previsión de carga de traballo que hai é para comezar a cortar chapa en primavera de 2022», aseguraba vidal.
Carga de traballo urxente
Por iso, coa mobilización deste pasado xoves tanto os operarios de Navantia como das respectivas auxiliares quixeron reclamar ás administracións pertinentes e á empresa pública carga de traballo urxente para evitar os despedimentos masivos do persoal das auxiliares, onde Vidal incidiu na dependencia económica que a comarca ten deste sector.
Aproveitando a sesión de investidura do presidente do Goberno galego, Vidal acusou a Feijoo de mentir nas anteriores lexislaturas sobre a carga de traballo para Ferrolterra, a comezar por aqueles famosos floteis para Pemex.
Emprego asegurado nas costas do sur
A este respecto, o responsábel da sección da CIG en Navantia Ferrol, Marcelo Amado, subliñou que para os estaleiros do sur o Ministerio de Facenda xa autorizou o gasto para a construción dun buque de acción marítima «mentres que aquí haberá arredor de 3000 traballadores/as das auxiliares que serán expulsados ao desemprego».
Xunto a isto, tanto Vidal como Amado puxeron o acento na preocupante situación dos estaleiros da ría ferrolá, atendendo á necesaria actualización a nivel tecnolóxico para competir no mercado internacional con éxito. Porén, o denominado «estaleiro 4.0» e a nova infraestrutura está sufrindo atrasos continuados, cambios substanciais do proxecto inicial e mesmo dende a dirección de Navantia ponse en cuestións a súa materialización.