Esta mañá a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol contou coa visita da conselleira do Mar, Rosa Quintana, despois do bo acollemento que obtivo este ano os seus ciclos formativos. En total e segundo os datos provisionais de matrículas, unhas 85 persoas cursarán os ciclos de mecánica naval e transporte marítimo. Esta cifra coincide coa media de alumnas e alumnos que adoitan formarse nestas materias neste centro, polo que este ano a pesar das constantes sorpresas non parecerá ser unha excepción.
Durante a visita na que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento, Pesqueiro, Susana Rodríguez, a conselleira agradeceu ao equipo docente do centro dependente da Consellería do Mar o gran traballo realizado durante todo o verán para adaptarse e dar cumprimento aos protocolos que establecen as autoridades sanitarias en relación ao coronavirus.
Crecemento progresivo
Nesta liña fixo fincapé na importancia de dotar aos centros de profesionais cualificados e dos equipamentos necesarios para obter unha formación competitiva e seguir sumando novos titulados. En canto ás matrículas na formación regrada -ciclos formativos- dos centros dependentes da Consellería do Mar, salientou que a media anual de persoas matriculadas medrou nun 60% nesta década en relación ao período 2005-2009.
Ademais a titular de Mar engadiu que apostar pola formación marítimo-pesqueira é clave para acadar a remuda xeracional no sector e esta aposta materialízase en diferentes eidos como o orzamentario. Neste sentido, sinalou que este ano as contías asignadas a formación marítimo-pesqueira no orzamento da Consellería do Mar medraron máis dun 4% con 9,7 millóns de euros, o que supón a maior cifra da última década.
Outro dos aspectos desta aposta é o da defensa que realiza Galicia ante a Unión Europea de medidas que fagan atractiva a actividade como a mellora da habitabilidade dos buques. Unha cuestión explicou, que a comunidade autónoma galega solicita que se teña en conta no futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.