A sala de exposicións da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene acolle desde esta mesma semana o proxecto pictórico da artista local Isabel Seco Espada, «Queridas Donas». A colección está composta por pezas realistas e abstractas, cuxo principal obxectivo é o de reivindicar á muller a través da figuración do sentimento e das situacións.
A mostra inclúe acuarelas, óleos e acrílicos de estilo realista e abstracto. Obras nas que, ademais, emprega materiais cotqiás coma o papel, a area e o xeso. Hai cadros feitos con pincel, con paleta, con rotulador e coas mans; empregando distintas técnicas para o seu acabado.
Simboloxía feminina e feminista
Afouteza, valentía, resiliencia, paixón, ilusión, namoramento e liberdade, entre outras facetas, que se xuntan compoñendo unha mensaxe de plenitude feminina e feminista. A exposición pode visitarse en horario de 10.30 a 13.30 horas de luns a venres até o 9 de setembro. Desde o 10 ao 29 do mesmo mes os horarios serán de luns a sábado das 10.00 ás 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas de luns a venres. Cómpre solicitar cita previa a través do 981 341 451 para evitar calquera colapso inoportuno.
Isabel Seco Espada
A artista naceu en Laraxe, no concello de Cabanas, aínda que leva afincada en Fene case trinta anos. Desde moi pequena sentiu que precisaba pintar para expresarse e, porén, segundo ela mesma asegura, «non me dediquei profesionalmente a esta arte».
Os seus comezos foron co profesor de artes plásticas e escritor Andrés Fernández Rifón. Posteriormente formouse co pintor e ilustrador Leandro Lamas e, na actualidade, é a profesora de arte Begoña Gorostidi, a que a acompaña nesta andaina.
A mostra aberta ao público desde este mércores 2 de setembro, titúlase «Queridas Donas» e está dedicada, en palabras da autora, «a todas as mulleres que formaron parte da vida, dos sentimentos e das emocións das mulleres libres, namoradas, valentes, teimudas, apaixonadas, estresadas, solitarias, soas, ilusionadas, tristes, vitais, abandonadas, respetables, celosas, plenas…».