Rematados os traballos de asfaltado da estrada Catabois-Mandiá

As obras comezaron dende o cruce coa AC-116 e ao longo dun tramo de 1,457 quilómetros, unha das moitas actuacións pendentes para mellorar a rede viaria da zona rural

O Concello de Ferrol vén de rematar os traballos de aglomerado na estrada Catabois-Mandiá, dende o cruce coa AC-116 e ao longo dun tramo de 1,457 quilómetros, nos que se aplicou pavimento asfáltico realizado cunha mestura bituminosa continua en quente. O seu espesor é de seis centímetros e a superficie total que vén de cubrirse é de 7.214 metros cadrados.

A concelleira de Obras, Ana Lamas, que a principios de mes comprobou con responsables da empresa a marcha dos traballos, explicou que con anterioridade ao aglomerado levouse a cabo un traballo de adecuación e posta a nivel da capa de rodaxe coa reparación de fochas e con fresado en varios puntos nos que foi necesario dado que a vía presentaba numerosos danos. Tras rematar os traballos, Lamas explicou que esta  actuación forma parte dos proxectos do Concello dirixidos a cumprir a intención de mellorar a rede viaria da zona rural.

Salir de la versión móvil