A falla dun médico retrasa as citas no centro de saúde de San Sadurniño máis dunha semana

O Concello insta á xerencia do Sergas a que subsane a situación de precaridade ante a falta de persoal

O Concello de San Sadurniño vén de denunciar a situación na que se atapa o seu centro de saúde pola falta de persoal. Según explican desde o goberno local, a falla dun dos dous médicos de familia está provocando grandes retrasos nas citas. “Nesta situación o centro médico está dando citas a máis dunha semana vista -agás urxencias-, cando o habitual é obter vez para nun prazo de dous ou tres días”, salientan. O Concello denuncia que se trata dun “problema habitual” cada vez que se producen baixas ou vacacións do persoal médico do Centro de Saúde e por iso volve demandar da Consellaría de Sanidade “que se garanta a cobertura permanente dos servizos”.

Neste sentido, o Concello ten previsto rexistrar entre hoxe e mañá unha carta dirixida á xerencia de zona do SERGAS na que se insta ao servizo público a “corrixir unha situación reiterada nos últimos tempos” que se traduce na sobrecarga dunha das consultas e en demoras na atención “cando só hai un facultativo que deba asumir a relación de pacientes do que está ausente, sexa por razón de permisos ou debido a unha incapacidade temporal”.

Unha situación de “merma na calidade do servizo” que, a xuízo do Goberno local, “se agrava nos casos en que o único médico dispoñible ten que saír para atender urxencias”. O Concello denuncia, ademais, que o Centro de Saúde de San Sadurniño “vive nunha constante incerteza e precariedade“, recordando ao respecto a falla de servizo especializado de Pediatría “desde hai máis dun ano” e a recente interrupción temporal do servizo de Matronería, que obriga ás futuras nais a desprazarse a outros centros para seren atendidas.

 

Salir de la versión móvil