A Feira da Plantación volve a San Sadurniño este domingo

O paseo fluvial do Xubia será o grande escaparate comarcal da planta e da flor de temporada este domingo de 10:00 a 20:00 horas

Imaxe de arquivo da Feira da Plantación de San Sadurniño | CONCELLO DE SAN SADURNIÑO

San Sadurniño será este domingo o grande escaparate comarcal da planta e da flor de temporada coa XXVI Feira da Plantación, que de 10:00 a 20:00 horas tamén será o lugar de referencia para mercar árbores froiteiras e pés para horta —pemento, leituga, tomateiras e outras—, ademais de queixos, chacinas e todo tipo de produto alimentario de proximidade. Canda esta oferta principal tamén haberá artesanía relacionada co mundo vexetal, ferramentas e maquinaria para o mantemento de xardíns ou para o laboreo da terra.

O Concello de San Sadurniño pechou o venres pasado o prazo de solicitude de espazos para a feira, que se celebrará ao pé do paseo fluvial do Xubia. En total recibíronse 46 peticións, dúas máis que o ano pasado, que na súa maioría proveñen de viveiristas —trece— e expositores agroalimentarios —catorce—, aínda que o evento tamén contará con trece postos de artesanía, un de maquinaria e outros cinco correspondentes a entidades sen fins de lucro e outro tipo de actividades. De cara ao domingo, que cae en véspera de festivo, agárdase tempo soleado e unha alta afluencia de público para pasar a xornada na leira da Cortiña facendo compras e gozando dun amplo programa de actividades paralelas.

A Feira da Plantación está concibida desde os seus inicios aló polos anos 90 como unha cita comercial que poña en valor a calidade, a variedade e o potencial do sector primario, nomeadamente o da produción de planta ornamental, pero tamén como unha xornada de lecer que desde o ano pasado ten lugar na contorna da Cortiña, ao pé do Xubia.

Atendendo ao seu obxectivo lúdico e cultural, a feira tamén virá cargada de actividades paralelas: un obradoiro de decoración con planta e flor seca, outro de xabóns artesanais, as actuacións dos Mozos da Ronda e das pandereteiras da agrupación coruñesa Donaire e de dúas demostracións de arte floral con Tania Couce (Floristería La Feira), cuxas obras se sortearán ás 14:00 e ás 19:30 horas entre as papeletas que se entregarán con cada compra.

Os sorteos destes lotes serán presenciais ata que apareza un boleto ganador. Ademais, só por ir á feira levaremos de agasallo unha bolsiña con planta ornamental doada por Vivergal, empresa situada en Santa Mariña do Monte que tradicionalmente vén colaborando coa feira de maneira altruísta.

A feira espallarase pola beira dos sendeiros do arboreto galego de especies autóctonas e polas inmediacións da Fraga Máxica, o novo espazo de lecer orientado a familias con rapazada que nos últimos meses se converteu nun dos grandes atractivos turísticos de San Sadurniño. E é que entre compras, obradoiros, música e paseos pola zona case se encherá o día. Por este motivo tamén haberá carpa para xantar a prezos populares, aínda que desde o Concello tamén se recomenda gozar da boa mesa nalgún dos restaurantes locais (aconséllase reservar).

Salir de la versión móvil