O proxecto O Lavadoiro centrará os actos do 25N en San Sadurniño

O artista Paco Cerdeira 'Pakolas' tamén traerá o seu espectáculo 'Rockeamos todas' á Casa da Cultura este sábado
Imaxe dunha das xuntanzas de traballo celebradas dentro do proxecto O Lavadoiro
Imaxe dunha das xuntanzas de traballo celebradas dentro do proxecto O Lavadoiro

Os concellos de San Sadurniño e Moeche, con apoio da Deputación da Coruña, iniciaron a comezos deste ano un proxecto piloto innovador e de base social para afrontar a violencia de xénero desde unha perspectiva distinta e complementaria dos outros mecanismos de loita contra esta lacra da nosa sociedade. Baixo o título de O Lavadoiro ambos municipios promoveron a creación dun grupo de mulleres «facilitadoras» co obxectivo de contar cunha rede veciñal de apoio ás vítimas e que, ademais, conte cos coñecementos necesarios para detectar posibles casos e cumprir coa necesaria función de acompañamento no proceso de deixar atrás a súa situación.

Ademais, dentro deste Lavadoiro tamén naceu un grupo de homes «aliados» coa misión de difundir un novo modelo de masculinidade comprometido coa igualdade, a corresponsabilidade e a erradicación do machismo. Os resultados iniciais do proxecto -que ten vocación de continuidade- daranse a coñecer nun evento programado para a mañá do sábado 26 de novembro na Casa da Cultura. Esta será a cita principal do 25N en San Sadurniño, Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres e nenas.

Ademais da presentar o programa O Lavadoiro, o Concello de San Sadurniño tamén se adheríu á campaña provincial ‘De fronte á violencia de xénero’, que prevé a distribución de material de concienciación e outras actividades, enfocadas este ano á sensibilización e reflexión da mocidade sobre a tecnoloxía como elemento facilitador das desigualdades de xénero e de distintas modalidades de violencia machista. Seguindo o esquema de anos anteriores, a área de Igualdade da Deputación proporá a partir do luns 21 accións multiplataforma que comprenden a difusión de microvídeos conducidos pola actriz Melania Cruz nos que se describen situacións reais de violencia dixital, como o ciberacoso, o sexting, a sextorsión ou o grooming. A proposta en línea acompañarase cunha ciberquedada xuvenil o día 23 arredor do mesmo tema que se retransmitirá ao vivo desde o IES Rosalía Mera coa participación de alumnado de máis dunha vintena de centros educativos de secundaria. Dentro da campaña ‘De fronte á violencia de xénero’ tamén estará dispoñible na web un xogo interactivo para público infantil, así como material didáctico para traballar nas aulas.

O propio día 25 de novembro a deputada de Igualdade, Mari Carme Muíño, lerá a declaración institucional nun acto que se desenvolverá a partir das 9:45h no IES Puga Ramón. Nesa xornada, en San Sadurniño, tamén se izará a bandeira violeta e lerase o manifesto que se someterá á votación plenaria na sesión convocada para a tarde do xoves. A acción principal co gallo do 25N no noso Concello desenvolverase o sábado 26 desde as 11:30h na Casa da Cultura cun encontro aberto para presentar o programa O Lavadoiro, impulsado como iniciativa piloto pola Deputación en colaboración cos concellos de San Sadurniño e Moeche.

Como peche deste evento central do 25N en San Sadurniño, a iso das 13:00h, haberá un pequeno coloquio relacionado con todo o tratado na xornada e cos avances que aínda se deben producir para acadar unha igualdade plena e libre de violencias machistas.

Este sábado «rockeamos todas» con Pakolas na Casa da Cultura

En relación coa concienciación e a educación en igualdade cómpre lembrar que este sábado 19 de novembro a partir das 18:30h haberá unha cita na Casa da Cultura con Paco Cerdeira ‘Pakolas’ e o seu espectáculo ‘Rockeamos todas’.

O artista traerá unha selección dos seus propios temas, revisados e rigorosamente escollidos para a ocasión, nos que as protagonistas son as nenas e mulleres: nais, inventoras, heroínas, doutoras, figuras femininas que tratan de poñer en valor a importancia de vivir en igualdade, «contando historias de superación de desigualdades e de loita polo respecto e a liberdade». Coa súa guitarra e a súa voz ao vivo, xunto con bases gravadas de baixo e batería, Pakolas fará gozar por igual a rapazada e persoas maiores. Pódese reservar entrada -gratuíta- no 616 332 919 ou en [email protected].

Relacionadas