San Sadurniño arranca o próximo venres as actividades do 8M

A área de Igualdade do concello programou actividades durnate todo o mes para conmemorar o Día Internacional da Muller

A área municipal de Igualdade do Concello de San Sadurniño volve desenvolverse ao longo deste mes varias actividades pola conmemoración o 8 de marzo do Día Intenacional da Muller.

A primeira cita será este mesmo venres 6 de marzo ás 17.00 horas na Casa da Xuventude cun obradoiro especial de “Tempos para compartir” que se adianta un día. Nel deseñaranse camisetas con lemas e imaxes a prol do empoderamento feminino. Dirixirao Llanos Luaces e ofértanse 10 prazas que se cubrirán por orde de inscrición chamando ao 981 490 027 ou mandándolle un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal. Á saída do obradoiro, sobre as 19.30 horas, a área de Igualdade programou un acto simbólico no que se pendurarán do peche da praza do antigo Concello mandís e outras pezas de roupa. 

Por outra banda, desde o 4 até o 31 de marzo poderá visitarse no patio interior da Casa do Concello a mostra “Raras (exiliadas, periféricas e monstras)”, da pintora Viki Rivadulla. Trátase dun proxecto artístico composto por 12 cadros que falan, segundo a autora, “do diferente, de seres diferentes, que saen da norma.

Entrementres, o venres 20 de marzo ás 20.00 horas na Casa da Xuventude, África López Soutullo presentará o seu libro “Mulleres que (nos) dan que pensar”, editado por Galaxia. A obra rescata os nomes de 40 mulleres fundamentais para a historia de Galicia en campos tan diversos como a ciencia e a investigación, a arte ou a cultura.

O recibidor da Casa da Cultura acollerá dúas exposicións do 16 ao 31 de marzo. Unha delas exhibirá obras de pequeno formato sobre as etapas da vida producidas polas mulleres participantes nos obradoiros de memoria activa que se desenvolven en Lamas, Naraío e San Sadurniño. A outra é unha excepcional mostra fotográfica asinada por unha creadora local baixo o pseudónimo “Inercia Inesperada”.

O evento do día 28 contará con dúas proxeccións, un coloquio e unha actuación musical. Tanto esta cita como o resto de actividades do 8-M están financiadas con cargo aos créditos recibidos da Secretaría de Estado de Igualdade do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Arrancará ás 17.30 horas coa presentación por parte da responsable de Igualdade, Ana Breixo Gundín, e, deseguido, pasarase o documental “Eu tamén necesito amar”, do realizador Antón Caeiro. A peza estuda a maneira en que a represión política, relixiosa e social lle afectou trala Guerra Civil ao máis íntimo da vida das mulleres, nomeadamente á expresión dos seus afectos e ao xeito de viviren a súa sexualidade.

Sobre as 19.30 horas tocaralle á segunda proxección da tarde: “Decides que o matrimonio…”, protagonizada polas mulleres do proxecto Teño unha horta en San Sadurniño. Tomando como base varios versos de Rosalía de Castro, as youtubeiras -con Abel Vega como estrela convidada- fan unha análise retranqueira pero verídica sobre como era a vida en parella non hai tantos anos.

O peche deste acto central do 8-M está previsto para as 19.45 horas coa actuación do grupo de pandereteiras Xestreu. Son cinco mulleres que fusionan outras tantas formas distintas de pensar e de sentir que logo trasladan á súa propia reinterpretación do cancioneiro popular galego.

Salir de la versión móvil