Hai escasos días comezaron os obradoiros de memoria para persoas maiores ofrecidos polo Concello de San Sadurniño, que se desenvolverán ata o mes de xuño nun total de 48 sesións polas parroquias de Naraío, Lamas e San Sadurniño. O programa, que terá unha cota mensual de 10 euros, atenderá non só a manter en forma as habilidades cognitivas, senón tamén á recuperación da memoria colectiva.
Os obradoiros de memoria manteñen a filosofía de anteriores edicións como punto de encontro no que compartir tempo, pero tamén no que facer un traballo livián coa cabeza. A actividade ten a finalidade de exercitar o cerebro con exercicios moi sinxelos pero moi útiles á hora de previr esquecementos e despistes que habitualmente se asocian coa idade e que, en boa parte dos casos, teñen que ver máis coa falla de atención que cun proceso de dexeneración cognitiva.
Durante estas sesións, unha das principais actividades será repasar como era a vida antano. Durante este mes de febreiro as sesións abordan o cambio que se produciu nos fogares concibidos como espazos e como núcleo vital. En marzo tomarase o cine como eixo principal para ver ata que punto a cultura audiovisual cambiou os nosos hábitos En abril traballarase arredor dos oficios e dos labores agrícolas. En maio tocaralle á recuperación do saber ancestral relacionado co poder das herbas medicinais e máxicas e, por último, no mes de xuño as actividades centraranse na recuperación de cancións, lendas e celebracións.
Os obradoiros de memoria activa desenvolveranse ata mediados de xuño cunha periodicidade semanal, os luns en Naraío e Lamas e os xoves en San Sadurniño. Combinarán a actividade a cuberto con outras ao aire libre. Hai programada unha excursión para o venres 20 de marzo que partirá ás 9.00 horas da Casa do Concello con destino ao Pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa. Alí, as 25 persoas inscritas nos obradoiros farán a ruta da camelia, ademáis de visitaren este excepcional conxunto arquitectónico do século XVIII.