San Sadurniño distribúe produtos perecedoiros do comedor escolar entre as familias do alumnado

O Concello priorizou a aquelas familias que xa eran atendidas polos servizos sociais antes da crise sanitaria

César Galdo

O departamento municipal de Servizos Sociais do Concello de San Sadurniño preparou esta mañá seis lotes con alimentos perecedoiros que se encontraban na despensa do colexio público e que, a raíz do peche do comedor, corrían o risco de botarse a perder.

Trátase de queixo, tortas, flans, xamón, embutidos, chocolate, fariña e outros produtos en perfecto estado pero que tiñan unha data de caducidade prevista para a primeira quincena de maio, razón pola que o Concello e maila dirección do centro acordaron distribuílos entre as familias con nenas e nenos que se encontran nunha situación máis vulnerable e que, na práctica totalidade dos casos, xa viñan sendo atendidas polos servizos sociais municipais desde antes do Estado de Alarma.

“Fundamentalmente priorizamos familias con fillos e fillas en idade escolar e que temos coñecemento que se encontran unha situación de precariedade. Xa eran familias en seguimento e temos algunha á que a actual situación lle complicou un pouco máis as cousas”, explica Pilar Calvo.

 

Salir de la versión móvil