San Sadurniño pide á Xunta que reparta mascarillas e luvas a través das farmacias e dos centros de saúde

O Concello cree que os sistema articulado polo Estado non é válido para pequenos municipios e solicita a implicación da concellería de Sanidade

César Galdo

En vista da medida adoptada polo Estado de repartir mascarillas entre as traballadoras e traballadores que desde hoxe usan o transporte público para acudir aos seus postos, o Concello de San Sadurniño remitíulle unha solicitude ás consellarías de Presidencia e de Sanidade para que sexa a Xunta quen artelle un sistema de distribución dese material de protección, de cara a evitar acopios e garantir ao mesmo tempo que se faga un reparto priorizado e ordenado que chegue ás persoas que realmente o necesitan.

A petición faise considerando que o sistema de reparto estatal “é ineficaz en concellos coma o de San Sadurniño”, principalmente por non existir redes de transporte que sexan empregadas de forma masiva para os desprazamentos laborais, pero tamén porque este xeito de distribución dun equipamento escaso pode “crear unha sensación de angustia ou necesidade imperiosa por conseguilo entre aquelas persoas que se vexan na obriga de desprazarse”.

Neste sentido solicítase que a Xunta “como administración con competencias en materia sanitaria e de saúde pública” sexa quen xestione e garanta o acceso das persoas que o precisen ao material de protección para o desenvolvemento da súa actividade vital ou laboral, “evitando que se produzan actitudes de acopio das mesmas por parte de persoas ou empresas”

100 mascarillas para persoas autónomas e pemes

En canto á distribución de material, nestes momentos o Concello de San Sadurniño dispón de luvas, batas, mascarillas sanitarias e produtos de hixiene e desinfección facilitados nos envíos periódicos da Consellaría de Sanidade, que se destinan ás necesidades do persoal de Obras e Servizos e tamén do SAF. Ademais tamén recibiu 50 pantallas protectoras fabricadas polo movemento Makers Ferrolterra que xa se distribuíron entre eses mesmos servizos. As existencias están cubertas para varios días.

Porén, o consistorio tamén recibirá ao longo do día de hoxe cen máscaras a maiores que se distribuirán entre autónomos e pequenas empresas do municipio que non dispoñan delas e cuxa actividade estea entre as permitidas polo Estado de Alarma. Dada a escaseza deste material entregarase unha para cada traballador até esgotar as existencias. Será necesario chamar antes ao Concello -981 490 027- para concertar a entrega.

Salir de la versión móvil