O Concello de San Sadurniño, a A Asociación Galega da Froita Autóctona (AGFA) e a Casa do Mel de Goente abren as inscricións para os cursos de fructicultura e apicultura. Organizaranse dous cursos que serán gratuítos para veciñanza empadroada en San Sadurniño, un deles centrado nos labores que cómpre facer neste estación nas árbores froiteiras e outro que tratará ao longo de catro xornadas a iniciación no mundo do mel e as abellas. As inscricións poden realizarse chamando ao 981 490 027. As prazas son limitadas.
O curso de iniciación á fructicultura desenvolverase os días 29 de marzo, 4, 5 e 18 de abril, de 09.30 a 14.30 horas. Ignacio Bellas encargarase de impartir esta acción formativa da Asociación Galega da Froita Autóctona dirixido a persoas que queiran mellorar os seus coñecementos ou empezar no apaixoante mundo da produción das árbores froiteiras. A actividade abordará maiormente os traballos que se deben facer neste tempo e deixarase un día para o verán, coa finalidade de ver prácticas propias desa estación.
A teoría darase na Casa da Xuventude e para as prácticas acudirase á horta de conservación Carlos Fornos. O curso é de balde para a xente de calquera parroquia de San Sadurniño e para persoas socias da AGFA. Para o resto o custe será de 40 euros. Hai 25 prazas dispoñibles e deberán xuntarse alomenos 10 solicitudes para levar adiante a actividade.
O outro curso que se organiza, o de iniciación á apicultura, está programado para os días 19 e 25 de abril, 2 e 3 de maio, de 09.00 a 14.00 horas. Durante esas catro xornadas estudarase a bioloxía do enxame, o funcionamento da colmea e a importancia de coidar ben este tipo de gando. Tamén se tocará a instalación do apiario, cal é a flora melífera, a reprodución do enxame e a saúde das abellas. O último día resérvase para falar da produción e da comercialización de mel, pole, própole, xelea e cera.
A formación teórica tamén se impartirá na Casa da Xuventude, mentres que as prácticas se farán no apiario da Cortiña. Neste caso o límite máximo de inscritos é de 20 persoas.