Un vehículo por control remoto inspecciona a rede de saneamento de San Sadurniño

A empresa Canalis é a encargada de revisar este días o estado das canalizacións públicas e realizar un informe de danos para o Concello

César Galdo

O Concello de San Sadurniño está a realizar unha inspección sen precedentes da rede de saneamento da avenida Marqués de Figueroa. Todo se debe a un pequeno vehículo a control remoto cunha cámara e un monitor que vai captando todo o que observa o aparello. A empresa responsable de facelo posible é a empresa Canalis, que foi contratada polo concello para realizar estas xornadas de inspección.

A finalidade do traballo é detectar filtracións de auga procedente da rede de pluviais e tamén posibles atoamentos que dificulten a condución dos resíduos líquidos cara á EDAR de Cornide. O emprego deste equipamento ofrece, ademais, unha imaxe precisa das canalizacións que ata o momento só podía intuirse.

Alén da inspección, a maquinaria manexada por control remoto tamén permite facer reparacións puntuais sen necesidade de erguer o firme que, no caso de Marqués de Figueroa, se botou a mediados do ano pasado. A medida que o vehículo percorre os sumidoiros vai descubrindo todos eses problemas que logo se arranxan utilizando auga a alta presión.

Unha vez que teña un diagnóstico completo, a empresa facilitaralle ao Concello un informe -ademais das gravacións- con indicación dos puntos que presentan defectos graves, xunto cunha proposta de accións correctoras que na maioría dos casos poden acometerse con equipamento controlado a distancia.

Reparacións puntuais na avenida

Por outra banda, na Avenida Marqués de Figueroa tamén se vai acometer durante estes días a reparación do aglomerado en dous puntos, nun deles debido aos danos producidos polas manobras dun camión e, no outro, por mor dun defecto de aplicación da capa bituminosa.

Os traballos consistirán na reposición dun anaco de firme á altura do paso peonil que hai fronte ao recinto do CPI e tamén no amaño doutra incidencia detectada  a escasos cincuenta metros de alí, xusto no acceso ao garaxe dunha vivenda.

 

Salir de la versión móvil