Unha visita guiada e un obradoiro para familias para coñecer os espazos verdes arredor do Xubia

San Sadurniño lanza a iniciativa 'Terra de vida' para promocionar os espazos verdes do municipio mediante novo material gráfico, percorridos guiados e obradoiros didácticos
_DSC9388_Original ratio_1920x1281_U_90

Os espazos verdes e culturais máis próximos ao centro urbano de San Sadurniño xa conformaban un percorrido circular de tres quilómetros -a coñecida como ‘Ruta da Natureza’-, que agora se actualiza en canto ao contido e propoñendo actividades para públicos diversos.

Por unha banda ofreceranse visitas guiadas para persoas adultas, familias e grupos de centros de ensino -alumnado maior de seis anos-. O itinerario deseñado, de hora e media de duración, conta con oito paradas nas que se irán explicando tanto a historia como os valores paisaxísticos, ambientais e patrimoniais que se irán vendo a cada paso, empregando unha linguaxe e un xeito de contar adaptado ás características e intereses de cada grupo de visitantes.

Ademais, a iniciativa ‘Terra de vida’ tamén brindará a posibilidade de participar en obradoiros didácticos orientados a público familiar e grupos de escolares arredor da educación ambiental e do consumo responsable. Neste caso proponse explorar o espazo cos cinco sentidos, de maneira que as persoas participantes aprendan a valorar a riqueza e a diversidade da zona, parte dela integrada en Rede Natura 2000.

Olga Romasanta, da Cooperativa Rexenerando e unha das encargadas do proxecto, explica que ‘Terra de vida’ é unha iniciativa «de 360 graos que ten que ver co desenvolvemento rural e a posta en valor dos recursos locais».»Por unha banda está o Pazo da Marquesa como a parte máis histórica, na que hai especies senlleiras. Logo están o arboreto, pioneiro en Galicia, e o paseo fluvial, que tamén potencian a biodiversidade. Despois temos a horta de conservación de froiteiras e o apiario, relacionados coa agroecoloxía. E a maiores están a escultura da deusa Navia e a Fraga Máxica, coa parte máis cultural, de historia e de lendas, na que nós introducimos a perspectiva de xénero».

O proxecto  ‘Terra de vida’ ten xa marcadas no calendario as datas para as dúas primeiras actividades. O venres 9 de xuño ás 18:00h desenvolverase un obradoiro para familias -6 euros menores de 14 anos e 9 euros maiores desa idade- proposto como unha acción de educación ambiental «para descubrir a través dos cinco sentidos e do xogo toda a diversidade que hai neste recuncho de San Sadurniño».

Ao día seguinte, o sábado 10 de xuño ás 11:00h, hai organizada unha unha visita guiada para público adulto -12 euros- percorrendo a Ruta da Natureza, de 3 quilómetros. «Iremos parando nos distintos emprazamentos e achegarémonos tanto á historia como aos valores que teñen na actualidade, porque non é o mesmo pasear, que sempre é agradable, que coñecer todo o que hai detrás», comenta Olga Romasanta.

A data límite para anotarse en calquera destas dúas propostas é o 6 de xuño. Débese enviar un correo a [email protected] ou chamar ao 616 332 919. Nese mesmo contacto pódense solicitar novas datas para grupos pechados, como poden ser escolares, asociacións, etc. Os prezos de todas as actividades para grupos e centros de ensino poden consultarse nesta ligazón.

Novo material divulgativo

Para levar a cabo o proxecto ‘Terra de vida’, o Concello conta co apoio técnico da Cooperativa Rexenerando, que xunta case dez anos de experiencia no deseño e posta en práctica de accións divulgativas no ámbito da historia, a educación para a sostenibilidade e a igualdade de xénero. A cooperativa encargarase durante este ano das visitas e obradoiros programados e, ademais, tamén elaborou novo material informativo sobre os espazos verdes da zona urbana.

guía interpretativa «explica a historia, o sentido, os valores e as accións que se fan actualmente nos lugares polos que pasa a Ruta da Natureza», recalca Romasanta engadindo que o folleto contén enlaces a recursos complementarios para ampliar a información «e ser un libriño que acompañe as visitas guiadas ou autónomas que as persoas poidan facer a estes espazos».

Segundo Romasanta,  ‘Terra de vida’ pretende ser un “novo chanzo” na aposta do Concello de San Sadurniño “por un rural vivo e digno, habitado e habitable, consciente da súa historia e os seus recursos, e aliñado coa sostenibilidade ambiental, social e económica”.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.