Seguen en pé as Festas de Verán de Ferrol con ata 29 actividades previstas

A pesar de que a decisión foi moi dificil, o goberno local continúa co cartel que se tiña previsto, aínda que teranse que levar a cabo unhas estritas medidas de seguridade

Esta mañá tanto o alcalde, Ángel Mato, como o concelleiro de Festas, Antonio Golpe, amosaron o cartel que acompañará esta nova edición das festas de verán, unha obra do deseñador gráfico ferrolán Mario Feal e que conten diversas referencias á cidade. En canto a decisión de facer as festas o alcalde asegurou que foi difícil, pero quere expresar un compromiso coa cultura

As circunstancias fan que se trate dunhas celebracións atípicas e marcadas pola situación sanitaria, pero o goberno local considerou que debía continuar coa súa programación tras analizar con detalle as circunstancias de saúde pública. Fíxoo, asegurou o alcalde, como resultado do permanente contacto coas autoridades sanitarias, en concreto, coa Dirección Xeral de Saúde Pública e coa Xerencia da Área Sanitaria.

Esta “aposta pola cultura e pola xente que vive arredor da cultura” ten a intención tamén de facer compatible unha situación de “anormalidade” coa actividade comercial e hostaleira. Para acadalo, o rexedor pediu a “complicidade” de todas as persoas que teñan previsto asistir aos espectáculos e puxo como exemplo a experiencia do festival Jazz de Ría a pasada fin de semana.

Programa de actividades

A programación das festas inclúe 29 actividades, dentro das que hai música, cine, monicreques, clown, teatro, maxia e moita máis variedade. O venres 21 actuará Uxía, a gran dama da canción galega, que ofrecerá o concerto inaugural das festas na praza de Armas, coa colaboración de Manolo Bacalhao. En paralelo, no Mercado Municipal de Caranza, actuación de Son de Camagüey, unha formación de nove virtuosos da música latina que interpretarán grandes clásicos daquel repertorio.

O sábado 22 a programación comezará a mediodía con animación musical de rúa a cargo da batukada Discalz@s, de Cedeira, e proseguirá pola tarde coa actuación do Mago Paco, no parque Raíña Sofía. Pola noite, de novo dous concertos simultáneos. Por unha parte, na praza de Armas, Red House, unha das principais bandas de blues da Península, capitaneada por Francisco Simón. Entrementres, en Caranza, concerto do grupo ferrolán de folk Lenda Ártabra.

O domingo 23 haberá música matutina polas rúas da cidade a cargo da Fanfarria Taquikardia, e xa pola tarde poderase gozar dos monicreques de Teatro Arbolé, que interpretarán a peza Títeres de cachiporra. Este espectáculo forma parte do festival Entes Animados, que coordina Plamen Dipchikov. E á noite, concerto na praza de Armas de Najla Shami, coa súa particular fusión de música árabe e galega, con trazas de jazz.

O luns estará dedicado ás rondallas de Ferrol, se ben previamente haberá un espectáculo de clown da man dos ferrolterráns Picompé.

O martes, mércores e xoves, o parque Raíña Sofía acollerá cinema infantil e familiar, coa proxección das películas Mía y el león blanco, Mi vecino Totoro e As vacacións do señor Hulot, unha exquisita selección a cargo dos cines Dúplex. A noite do martes tamén terá sabor local, cun concerto do dúo de acordeonistas de Canido Caamaño–Ameixeiras, acompañadas do profesor Joaquín Enríquez e da eurovisiva Laura Pérez.

Na noite do mércores 26 haberá unha velada dedicada ás variedades, coa presenza da cabareteira Bea García, as versións de clásicos do rock de Hilda Rock e Álvaro Lamas, e a ironía das letras de Auténticos Farsantes. Xa na noite do xoves toca un dos pratos fortes das festas, coa visita de Sara Correia, un dos meirandes talentos emerxentes do fado contemporáneo.

A noite do venres 28 será a quenda do pop enerxético de Familia Caamagno, e horas antes, do espectáculo de clown Crunch, da compañía Muu. O último sábado, pola mañá chegará o último espectáculo infantil de Mamá Cabra, que leva por título A fraga do meu avó e que suporá a súa estrea en Ferrolterra. Pouco despois, tamén durante a mañá, a Banda de Gaitas do Toxos de Froles levará a cabo un pasarrúas. Pechará o día un concerto de homenaxe aos servizos públicos e privados que loitaron contra a pandemia da Covid-19.

En paralelo, o propio sábado 29 así como o domingo 30 de agosto, as persoas amantes da historia poderán asistir ás diferentes actividades que se organizan en conmemoración da Batalla de Brión, e que inclúen visitas teatralizadas, buscas do tesouro e representacións teatrais no Castelo de San Felipe.

O domingo 30 pola mañá haberá de novo animación musical de rúa, nesta ocasión a cargo da batukada Kilomberos de Monte Alto, e pola tarde representarase a obra de monicreques Cristóbal Purchinela, da compañía castelán–leonesa Alauda Teatro. Xa pola noite, poderase escoitar a elegante voz da cantante madrileña ELE.

Finalmente, para o remate das festas, o luns 31 contarase cunha representación da peza OhOlimpiadas!, da compañía Sincronacidas. Esta obra foi galardoada co Premio ao Mellor Espectáculo de Rúa FETÉN 2019. E pola noite, concerto de folk a cargo dunha das formacións estelares do país e ben coñecidos do público ferrolán: Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre.

Medidas de seguridade

Para garantir a máxima seguridade do público, dispuxéronse unha serie de medidas, entre as que se inclúen o aforamento dos recintos onde se van celebrar as actividades, con valado perimetral e colocación de cadeiras mantendo a distancia interpersoal de 1,5 metros.

Cumprimento estrito da última normativa emitida pola Xunta de Galicia no que atinxe á distancia entre artistas e público, ou no que respecta ás condicións de traballo do persoal de produción e artistas. Tamén o control da afluencia de público mediante a reserva de entradas -de balde- a través da plataforma Ataquilla.com.

Estableceuse un máximo de dúas entradas por reserva para actividades de adultos e de catro por reserva para actividades infantís. A desinfección de mans será obrigatoria á entrada ao recinto e haberá que permanecer na cadeira asignada, sempre usando a máscara de protección durante todo o evento. A entrada ao recinto e saída realizaranse de xeito gradual, coordinadas polo persoal de acomodo.

Salir de la versión móvil