Segundo novo caso de coronavirus na área de Ferrol en 48 horas

Trátase dun contaxio vinculado co rexistrado o martes en Cedeira, polo que de confirmarse un terceiro caso trataríase oficialmente dun rebrote

Xa son dos os novos casos activos por coronavirus detectados polo Sergas na área sanitaria de Ferrol. O primeiro foi anunciado o pasado martes polo propio Concello de Cedeira e confirmado pola Consellería de Saúde horas máis tarde. Tratáse dun caso exportado do estranxeiro e que obrigou ao sistema de saúde a iniciar un rastreo de tódolos contactos desta persoa para intentar conter o avance do virus polas comarcas.

Hoxe, 48 horas máis tarde, o Sergas informou dun segundo caso activo na comarca, que está vinculado co primeiro contaxio. Segundo explicou o propio Concello de Cedeira, trátase dunha persoa convivinte, polo que a área sanitaria de Ferrol podería estar preto de entrar oficialmente nun rebrote tras dez días libre de coronavirus. Segundo o protocolo da Dirección Xeral de Saúde Pública, se considera que existe un rebrote cando aparecen “tres novos casos vinculados entre sí”.

O resto dos PCR realizados ás persoas que tiveron contacto con este novo contaxiado con coronavirus están resultando negativos, pero aínda non se coñecen tódolos resultados. Co anunciado hoxe, son un total de 621 os casos acumulados na área de Ferrol, dos cales 586 superaron o virus e obtiveron a alta epidemiolóxica e 33 faleceron a causa do Covid.

 

Salir de la versión móvil