Todas as liñas de buses de Ferrol serán gratuitas o Día sen Coches

O vindeiro martes 22 de setembro utilizar o transporte público na cidade será de balde, e a rúa Magdalena estará pechada ao tráfico rodado

O transporte urbano que discorre polo termo municipal de Ferrol será gratuíto o próximo martes 22 de setembro, con motivo da celebración do Día sen Coches, unha iniciativa destinada a difundir os beneficios das alternativas ao vehículo privado e sostibles co medioambiente no marco da Semana Europea da Mobilidade que o Concello de Ferrol celebra estes días baixo a coordinación do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Tal e como indicou esta mañá o concelleiro de Mobilidade, Julián Reina, o Concello de Ferrol aplicará a gratuidade aos usuarios de todas as súas liñas urbanas de transporte público, é dicir, ás de ámbito municipal, as que comezan e rematan o seu percorrido en Ferrol.

Con esta medida, explicou o edil, desde o Concello “queremos estender á poboación o noso compromiso coa sensibilización sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche na cidade, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente”.

Liñas urbanas de balde

En concreto, as liñas urbanas nas que se aplicará a gratuidade durante toda a xornada do martes son: Porto-Hospital Novoa Santos -L21-, Canido-Praza da Graña -L27-, Praza Vella-Caranza -L32- e Canido Hopistal Naval —L36-.

Ao acceder ao autobús, os viaxeiros recibirán un billete a coste cero. Esta medida é só unha das postas en marcha polo Concello de Ferrol para celebrar a Semana Europea da Mobilidade. Tamén o martes, Día sen Coches, as rúas da Magdalena estarán pechadas ao tráfico rodado excepto para residentes.

Salir de la versión móvil