Todo a punto para iniciar a rehabilitación da rúa Espartero de Ferrol

Na Xunta de Goberno Local de hoxe aprobouse a licitación pública dunha das rúas máis destacadas do casco histórico de Ferrol Vello, onde invertiranse máis de 620.000 euros

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá do luns 17 de agosto o expediente de contratación administrativa e a convocatoria de licitación pública da reurbanización da rúa Espartero, en Ferrol Vello, entre San Antón e a estrada Alta do Porto.

Na súa comparecencia posterior á reunión o voceiro do goberno local, Julián Reina, explicou que o orzamento do contrato é de 620.197,36 euros, dos que o 80 % -496.157,89- está previsto que se financien con fondos europeos e o 20 % -124.039,47- con cargo ás arcas municipais. Tamén detallou que o prazo de execución das obras é de seis meses a partir do seu inicio.

Detalles das obras

O proxecto de reurbanización inclúe a eliminación das beirarrúas, polo que a plataforma da rúa pasará a ser única. A diferenciación dos espazos dedicados aos peóns e ao tráfico rodado realizarase mediante un cambio de pavimento. Deste xeito, as actuais lousas que forman as beirarrúas no tramo entre San Antonio e Baterías volveranse utilizar, sempre que sexa posible, tendo en conta que se trata dun elemento catalogado no Plan Especial de Protección e Rehabilitación de Ferrol Vello.

No caso de que sexa necesario, o novo material que se aporte terá características similares ao xa existente. A zona destinada o paso de vehículos será de adoquín, seguindo o mesmo esquema doutras urbanizacións recentes no barrio, como a Merced, Socorro, Conchas e Mártires. Na parte final, entre Baterías e a estrada Alta do Porto, empregaranse lousas de granito na totalidade da rúa, sen diferenciar entre áreas destinadas aos peóns e ao tráfico rodado. As obras implicarán a renovación das instalacións tanto de saneamento coma de abastecemento de auga e tamén a reposición da rede de gas. Por outra banda está prevista a construción de canalizacións para o soterramento das liñas eléctricas e de telecomunicacións.

Xa por último, instalarase un novo alumeado público e mobiliario urbano axeitado ao proxecto deste tipo de elementos para Ferrol Vello. Esta intervención nunha das rúas máis importantes do barrio histórico ferrolán vai contribuír de xeito significativo á rexeneración e á humanización dunha parte da cidade declarada área de rehabilitación integral -ARI- no 2001 e ben de interese cultural no 2011, tal e como sinalou o voceiro local, Julián Reina.

 

Salir de la versión móvil