Onte presentouse a primeira edición da Feira do Motor de Narón, unha convocatoria organizada polo Concello a través das concellerías de Promoción Económica e da de Feiras e Mercados. A cita tal e como avanzaron desenvolverase os días 5 e 6 de setembro no polígono de Río do Pozo, concretamente na zona da avenida dos Carboeiros, en horario de 10.00 a 20.00 horas nas dúas xornadas.
As persoas que se acheguen á zona poderán ver vehículos de ocasión, quilómetro cero, novos, de segunda man, industriais, motocicletas e tamén autocaravanas. A maiores do de automoción tamén estarán presentes outros sectores como o textil, saúde, cerimonias, mobiliario, servizos, puericultura e viaxes, entre outros. A entrada ao recinto será de balde, aínda que o aforo limitarase debido as medidas sanitarias que hai que cumprir, e as tarifas de exposición para reserva tamén serán de balde e con aforo limitado.
As persoas interesadas en levar os seus expositores a esta Feira do Motor deberán realizar a reserva ata o 21 deste mes, se ben no caso da automoción o número de vehículos a expoñer deberá comunicarse ata o 28 deste mes no mail: [email protected].
Un dos carrís de cada sentido de circulación da rúa dos Carboeiros estará habilitado para o estacionamiento e exposición de vehículos, quedando os outros dous para a circulación peatonal. A distancia mínima entre vehículos estableceuse en dez metros, ao igual que a dos expositores, para ofrecer as máximas garantías. Así mesmo, tal e como indicou Pita, haberá un servizo con persoal de vixilancia entre as 20.00 e as 10.00 horas, se ben se ofrecerá aos propietarios dos expositores a posibilidade de retirar os vehículos ao remate da primeira xornada para traelos ao día seguinte cumprindo os horarios establecidos.
En canto ás medidas preventivas da Covid-19, será obrigatorio o uso de máscara e haberá puntos dispensadores de xel hidroalcohólico, debendo a maiores cumprir as indicacións das autoridades sanitarias, como a distancia de seguridade interpersoal.
As persoas interesadas en recibir máis información poden consultala a través da páxina web do Concello: www.naron.es e tamén da web: www.eventi.es/blog. Así mesmo, poden dirixirse á dirección [email protected] ou contactar coa Secretaría de organización a través do número de teléfono 607 391 660.