Tranquilidade nos centros sociosanitarios das comarcas tras confirmar que non existen casos activos de coronavirus

Un total de 2.650 probas realizadas entre os 26 centros que compoñen a área sanitaria de Ferrol confirman as boas noticias, aínda que advirten que non se pode baixar a garda

Un equipo de seis profesionais do ámbito da Enfermaría da Área Sanitaria de Ferrol realizaron os controis nos centros sociosanitarios durante este período marcado pola Covid-19. Durante os pasados 15 días realizaronun segundo control percorrendo un total de 26 centros dos concellos da Área Sanitaria de Ferrol ó longo de toda a comarca. Tomaron un total de 2.563 mostras entre os residentes destes centros e os seus traballadores e traballadoras. A día de hoxe, ningún caso resultou positivo por coronavirus nestes centros hospitalarios

Na toma de mostras participaron un total de seis persoas distribuídas en tres equipos, compostos cada un por dous traballadores: Enfermeira e Técnica de Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAE). Estes tres equipos que participaron nesta nova toma de mostras son os mesmos que xa participaron na anterior. A metodoloxía de traballo supón que, con carácter previo, os centros faciliten un listado actualizado (tanto de residentes como de persoas traballadoras) para poder identificar tódalas mostras que se toman.

Os integrantes do equipo que realizou este cribado quixeron destacar a enorme colaboración de tódolos residentes nos distintos centros, debido a adaptación que supón a acollida en cada un deles. Por outra banda destacaron a gran presión a que se someten debido ao contexto tan complexo ao que se han de enfrontar, xa que é unha situación totalmente novidosa.

Dende a Área Sanitaria de Ferrol quixeron agradecer e pór en valor novamente o esforzo que están a facer os e as traballadores da Área neste contexto Covid e, ademais, o cumprimento ininterrumpido das medidas de contención levadas a cabo polas persoas aloxadas nos centros sociosanitarios, permitindo estes resultados tan positivos.

Por último incidiron na continuidade de estas medidas de prevención, pois a pesar de que o peor xa pasou o virus segue aí, e en calquera momento pode mudar a situación. É estritamente necesario seguir coas medidas individuais e colectivas. Na actualidade, só se pode enfrontar o coronavirus co seguimento das medidas de distanciamento social, lavado de mans e emprego de máscaras.

Salir de la versión móvil