A Policía Local de Cedeira detivo no día de onte 19 de xullo a un veciño da localidade como presunto autor dun delito de danos por incendio intencionado nun vehículo. Os feitos sucederan a noite do sábado ao domingo e tras a denuncia interposta polo propietario na Garda Civil, os axentes da benemérita recolleron as palabras aportadas por unha testemuña dos feitos, polo que se trasladou esta información ás patrullas de servizo da Garda Civil e da Policía Local.
Pouco máis tarde do incendio do coche unha patrulla da Policía Local localizou ao individuo no seu domicilio polo que procedeu á súa detención e traslado ao cuartel da localidade, onde se continuaron os trámites para a súa posta a disposición xudicial.
Doutra banda, os axentes locais tamén identificaron estes días aos causantes de dous accidentes de tráfico que se marcharon sen achegar datos. Ambas infraccións foron provocadas por chocarse con vehículos estacionados e logo darse á fuga.
Á fuga tras varias infraccións
O primeiro condutor, que pertence a Lugo, deixou o seu vehículo abandonado nunha zona de pouco tránsito e posteriormente volveu a súa localidade natal mediante un autobús. A Policía Local puido comprobar que carece de permiso de condución por telo retirado e que o vehículo estaba sen ITV nin Seguro. Por estes feitos o condutor será citado por Xuízo Rápido no Xulgado de Ortigueira. De feito, os axentes locais de Lugo colaboraron cos de Cedeira para a localización do infractor no seu domicilio e posterior citación xudicial.
O segundo condutor localizado pola Policía Local é un veciño de Ferrol que ao estacionar o seu vehículo raiou considerablemente outro estacionado correctamente, e no canto de dar parte do golpe marchouse do lugar sen achegar ningún dato. Tramítase unha denuncia administrativa por estes feitos por infracción ao Regulamento Xeral de Circulación. En ambos os casos a colaboración veciñal foi determinante para achegar os datos ou pistas necesarias para a localización dos infractores.
A policía cedeirense aínda busca un terceiro vehículo que perdera unha defensa de goma negra da porta dianteira esquerda, e que se sabe que é de cor vermella escuro. Este vehículo a fin de semana pasada golpeou a outro vehículo no C. R. Magdalena e tamén deuse á fuga. Estase a comprobar a peza solta para tentar dar co modelo de vehículo implicado.