A área sanitaria de Ferrol sufriu nas últimas 24 horas un leve aumento no número de casos activos por covid ao pasar dos 117 do luns aos 118 de hoxe debido a sete novos casos e seis altas epidemiolóxicas rexistradas desde onte. Son 30 menos que hai unha semana. Outra boa nova é que hoxe descenderon o número de hospitalizados no Arquitecto Marcide, pasando de 6 a 3 e que xa non hai doentes na Unidade de Coidados Intensivos.
Do total de contaxiados, 115 permanencen nos seus domicilios con sintomatoloxía leve ou sen síntomas. Desde o inicio da pandemia xa son 970 os casos non activos ou curados e 34 os falecementos relacionados co coronavirus, trala morte dunha muller de 84 anos este pasado domingo.
Un dos sectores que máis preocupa é o da educación, onde a área sanitaria de Ferrol mantén unha taxa de contaxios baixa respecto á media galega. Son en total nove casos que se reparten entre o CPI As Mirandas de Ares, o IES de Fene, os CEIP Cruceiro de Canido, Rodolfo Ucha Piñeiro e o IES Saturnino Montojo de Ferrol, o IES Fernando Esquío de Neda, o CEIP José María Lage e o IES de Ortigueira e o CPR Luís Vives de Pontedeume.
No brote de Ortigueira, que é un dos máis preocupantes da comarca, os datos foron positivos nas últimas xornadas, cunha pequena reducción do número de contaxios. Son en total 16 activos e 43 veciños en seguimento estreito, é dicir, que confinados por prevención.
En Galicia, según a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus é de 4.119, deles 818 son da área da Coruña, 493 da de Lugo, 1.084 da de Ourense, 667 da de Pontevedra, 412 da área de Vigo e 527 da de Santiago.