Uns 300 escolares de Narón participarán na terceira edición das Olimpíadas Escolares Virtuais de Seguridade Viaria

Nesta terceira edición acudirán os alumnos de quinto ou sexto de Primaria dos colexios Virxe do Mar, Jorge Juan, Ayala, A Gándara, A Solaina, O Feal, Piñeiros e Ponte de Xuvia.

O Concello iniciou esta mañá no colexio Ponte de Xuvia unha nova edición, a terceira, das Olimpíadas Escolares Virtuais de Seguridade Viaria, nas que un ano máis colabora a Confederación Nacional de Autoescuelas (CNAE) e algunhas empresas. O programa desenvolverase ata o vindeiro 17 de decembro e no mesmo participarán preto de 300 alumnas e alumnos de centros de ensino da cidade, tal e como indicou o concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero.

O edil naronés explicou que “a convocatoria de hoxe e a prevista para mañá no mesmo centro realízanse de xeito presencial pero as próximas desenvolveranse a través de videoconferencia en todos os casos nos que sexa posible, porque debido á actual situación sanitaria pola Covid-19 trataremos de reducir ao máximo o desprazamento aos centros, fomentando as novas tecnoloxías aplicadas á formación”. Na convocatoria, aberta a todos os centros de ensino da cidade donde se imparte educación Primaria, participa alumnado de quinto ou sexto de Primaria dos colexios Virxe do Mar, Jorge Juan, Ayala, A Gándara, A Solaina, O Feal, Piñeiros e Ponte de Xuvia.

Ao longo de cincuenta minutos alumnas e alumnos de sexto de Primaria do colexio Ponte de Xuvia asistiron a unha charla sobre Educación Viaria, na que a axente da Policía Local Sonia Caneiro e Gabriel Ramos, do club local Clásicos Bikeworks falaron sobre o papel dos ciclistas e os peatóns. Ese mesmo alumnado presenciará mañá unha sesión sobre Patrimonio do Concello, a cargo de Pedro Caneiro, axente tamén do equipo de Educación Viaria de Narón e na que se profundizará sobre os elementos patrimoniais máis recoñecidos do termo municipal.

As Olimpíadas Escolares Virtuais de Seguridade Viaria constan dunha parte teórica e outra práctica, ao igual que en anteriores edicións. Na parte teórica o alumnado recibirá información sobre Medio Ambiente –colectores, tanques de tormentas….-, Seguridade Viaria, Patrimonio, Matemáticas e Inglés aplicado ao programa de Educación Viaria. Eses contidos abordaranse entre este mes e o vindeiro novembro, se ben en decembro terá lugar a parte práctica, donde dende os propios centros se seleccionará a unha rapaza ou un rapaz que terá que realizar unha xincana, que consistirá nun circuíto de habilidade con bicicleta e que se valorará xunto co test final.

“Na final das Olimpíadas Escolares Virtuais participarán tres nenas e tres nenos que seleccionará cada centro, en representación da súa clase, e que terán que responder a unha serie de preguntas tipo test que se valorarán coa xincana para determinar os tres premios da convocatoria, que serán para o alumnado de cada unha das tres aulas con máis puntuación”, explicou Romero.

O concelleiro de Seguridade Cidadá agradeceu a colaboración dos centros de ensino que participan nesta convocatoria e animou aos escolares naroneses “a implicarse nas diferentes actividades programadas para coñecer mellor diferentes aspectos relacionados coa seguridade viaria e con outras materias de interese, vencellándoas en todo momento á educación viaria”.

Salir de la versión móvil