Valdoviño, A Capela, Cerdido, Moeche, Neda e San Sadurniño acordan conxuntamente non abrir as piscinas municipais este verán

As constantes medidas de seguridade e hixienización impedirían o desfrute das instalacións en condicións de normalidade, explican os Concellos

Valdoviño, xunto aos concellos de A Capela, Cerdido, Moeche, Neda e San Sadurniño, comunicaron hoxe a súa decisión de non  abrir as piscinas municipais este verán dadas as circunstancias xeradas pola  pandemia da COVID 19. Os representantes municipais adoptan este acordo tras analizaren entre todos o contido dos protocolos redactados polo Ministerio de Sanidade e a normativa  aprobada pola Xunta de Galicia, documentos nos que se establecen unhas condicións que os concellos  dificilmente poden asumir nin tampouco garantir  o seu cumprimento.

Nesta decisión tomada de xeito conxunto polos diferentes concellos déuselle prioridade á seguridade da veciñanza que acuda ás piscinas municipais, pero tamén se tivo en conta a imposibilidade de que estas instalacións de lecer cumpran o seu obxectivo fundamental no verán, como é que as persoas poidan  gozar dun momento de tranquilidade.

Neste sentido, a aplicación das medidas preventivas interrompería o uso das instalacións varias veces na xornada polos continuos labores de desinfección e limpeza, que se terían que levar a cabo obrigatoriamente, así como polas restricións de uso doutras dependencias imprescindibles, como aseos, duchas e vestiarios.  Valorouse tamén o prexuízo que causan as continuas achegas de auga e cloración  que se deberán facer e o uso permanente de desinfectantes.

O conxunto da normativa establecida polas Administracións parte de que os riscos asociados á COVID 19 están relacionados coa interacción entre persoas que acoden ás zonas de baño e, polo tanto, é fundamental garantir o distanciamento social, a desinfección e limpeza varias veces ao día de todos os elementos, limitar o tempo de permanencia das persoas usuarias e o aforo.

De abriren as instalacións, os concellos deberían aplicar con rigor as medidas establecidas, o que imposibilitaría o acceso do habitual  número de veciñas e veciños  e,  os que puidesen, terían que observar as normas restritivas de uso por mor da COVID 19.

Salir de la versión móvil