Valdoviño busca paliar os efectos económicos da Covid-19 mediante subvencións a familias e menores

Destinaranse un total de 20.000 euros para aquelas persoas que entren nos requisitos impostos polo Concello

A Concello vén de activar onte 22 de xullo unha convocatoria de subvencións destinadas a familias e menores para axudar a paliar o impacto económico, social e laboral derivado da crise sanitaria provocada pola Covid-19. O Concello destinará 20.000 euros a este programa e a convocatoria publicábase hoxe no Boletín Oficial da Provincia, abríndose o prazo dende hoxe para presentar as solicitudes no Rexistro Xeral Municipal por espazo de 30 días naturais. As axudas están destinadas a sufragar material escolar, gastos de transporte escolar e cuotas de inscrición nos cursos de formación do Plan Mellora.

No primeiro caso, poderán beneficiarse aquelas familias empadroadas con rapaces escolarizados nos niveis de Infantil, Primaria ou Secundaria nalgún dos centros educativos de Valdoviño, e tamén entran na axuda aqueles que cursan Bacharelato ou unha Formación Profesional nalgún centro público educativo dos concellos limítrofes.

Nas axudas ao transporte escolar, poderán beneficiarse as familias con menores con escolarización en Bacharelato e Formación Profesional de municipios próximos, así como as persoas maiores de idade que cursen estudos nalgunha das Universidades de Galicia.

Por último, poderán acceder á bonificación dos cursos de formación do programa municipal Mellora as persoas físicas maiores de idade que estivesen nunha situación laboral afectada pola Covid-19: cese de actividade autónoma, regularización de emprego (ERTE) ou despido motivado pola mesma situación, entre o 18 de marzo e a finalización do estado de alarma, ou contar cun informe socioeconómico do Departamento de Servizos Sociais que motive a súa participación.

Salir de la versión móvil