A CIG denuncia que FCC incumpre os pregos de condicións do servizos de recollida de lixo de Valdoviño

O sindicato asegura que traballadores sofren recortes en materia de dereitos sociais e incumplimentos salariais

A CIG-Servizos de Ferrol vén de denunciar as “numerosas deficiencias e irregularidades” na que se atopa o servizo de recollida de lixo do concello de Valdoviño, prestado pola empresa Fomento de Construcciones y Contratas ( FCC), xa que  según o sindicato está a incumprir os pregos de contratación asinados,  “provocando unha discriminación para o persoal deste servizo e unhas condicións de explotación laboral”.

A central leva anos denunciando diante da Inspección de Traballo e a través de demandas da asesoría xurídica, os incumprimentos salariais, que se refiren aos abonos xerados polos atrasos na regularización da suba do IPC, ademais da supresión dunha paga de beneficios que se viña abonando no mes de marzo e que a empresa deixou de pagar de maneira unilateral.

“Xunto a isto, os traballadores  tamén sofren recortes en materia de dereitos sociais no relativo á concesión das licencias retribuídas, pois FCC nega sistematicamente a concesión dos días de asuntos propios -dous días que veñen recollidos nos pregos de contratación-“, explican desde o Confederación Sindical.

A CIG-Servizos advirte que o cadro de persoal “está a sufrir unha total indefensión, e a pesares das múltiples reunións que foron solicitadas co responsábel da empresa, a día de hoxe, atópanse coa calada por resposta”.

Estas irregularidades foron postas en coñecemento do concello de Valdoviño, por iso a CIG-Servizos esixe do goberno municipal, como parte contratante do servizo, que adopte as medidas necesarias para que a empresa cumpra co establecido nos pregos de condicións. Desde o Concello aseguran que mostraron a súa disposición para falar e reunirse cos representantes dos traballadores e intentar mediar neste conflicto.

Salir de la versión móvil