Os concellos da comarca se preparan para festexar un Entroido con plena normalidade. O primeiro trala pandemia. Sen máscaras, máis aló das que formen parte do propio disfraz. Valdoviño avanzaba esta mañá a programación prevista, que arrancará o sábado 18 de febreiro co XI Encontro no Entroido Infantil. Unha gran festa dirixida ás familias con nenos e nenas pequenos, que esta edición estará centrada no marabilloso mundo do circo. Celebrarase de novo no pavillón municipal do Longoiro, en Meirás, con entrada libre e gratuíta, de 17:00 a 20:00 horas. Como é tradición, haberá música, atraccións, diferentes talleres e moitos, moitos xogos.
Ao sábado seguinte, 25 de febreiro, o municipio acollerá a XXIII edición do Festival de Entroido Concello de Valdoviño. Pendente de abrir plazo de inscrición, o Concello avanza que o guion será o doutros anos, con pasarrúas a partir das 17:30 horas dende a casa consistorial, e a posteriori, gran actuación das comparsas na Casa da Cultura. Nas próximas xornadas informarase dos plazos de presentación de solicitudes para tomar parte na cita.
Festival de comparsas en Neda
Neda tamén recupera neste 2023 o seu Festival de Comparsas. Celebrarase o venres 17 de febreiro, e o Concello incentivará a participación cunha axuda de 250 euros por comparsa participante e de 150 euros por grupo. Así mesmo, entre todas e todos -comparsas e grupos- que ofrezan algunha actuación nos lugares determinados polo Concello esa xornada en horario de 18:00 a 20:00 horas, repartiranse 700 euros. Obxectivo: aumentar o ambiente festivo a pé de rúa.
Así, o número máximo de comparsas será de 8, segundo a orde de presentación de solicitudes no rexistro xeral do Concello ou telemáticamente, dende hoxe e ata o 9 de febreiro incluídos, en horario de 9:00 a 14:30 horas. As letras das cancións terán que ser obligatoriamente en galego, e un dos temas a interpretar, versará necesariamente sobre Neda ou figuras da vila. Así, todas as formacións participantes deberán concentrarse ás 20:00 horas do 17 de febreiro na avenida de Castelao para iniciar dende este punto o pasarrúas cara o polideportivo de Neda, onde ofrecerán as súas actuacións nun escenario habilitado ao efecto. As tres mellores recibirán o correspondente galardón.
7.500 euros en premios nas Pontes
O Concello das Pontes premiará con case 7.500 euros os mellores disfraces que participen na cabalgata de Entroido que se celebrará o martes, 21 de febreiro, a partir das 17:00 horas. O xurado terá en conta na súa valoración aspectos como a orixinalidade, o vestiario, a maquillaxe, a calidade musical, a coreografía así como o desenfado na interpretación para outorgar os premios ao mellores disfraces.
No concurso para as persoas adultas —maiores de 14 anos— haberá unha categoría para grupos, na que se diferenciarán dúas modalidades, en función do número de persoas que integren a agrupación. Así, os grupos de máis de dez persoas optarán a cinco premios de 700, 500, 300, 200 e 100 euros mentres que, entre as agrupacións de ata 10 integrantes repartiranse cinco premios de 500, 400, 300, 200 e 100 euros, respectivamente. Ademais, o Concello de As Pontes premiará ás cinco primeiras parellas adultas clasificadas con 175, 150, 125, 100 e 75 euros, respectivamente e, na categoría individual, as persoas adultas que tomen a saída no desfile poderán gañar 125, 100, 75 e 50 ou 25 euros se se sitúan entre os cinco disfraces máis valorados polo xurado.
Como en edicións anteriores, As Pontes tamén premiará aos participantes máis novos. Deste xeito, na modalidade infantil —nenos e nenas con idades comprendidas entre os 14 e os 7 anos, ambos incluídos— haberá sete premios de 150 euros para os grupos mellor valorados polo xurado. Haberá outros sete premios para as parellas e outros sete premios para os participantes na categoría individual, dotados con 75 euros e 50 euros, respectivamente, cada un deles. Ademais haberá 40 premios, de 30 euros cada un, para os nenos e nenas participantes na modalidade meniños —menores de ata 6 anos, incluídos—.
Actividades en Ortigueira
Pola súa banda, Ortigueira prepara unha ampla oferta de actividades para todos os gustos e franxas idade durante o entroido de 2023, que se celebrará entre o 18 e o 21 de febreiro. O sábado dará comezo a programación co entroido de Espasante, organizado pola Comisión de festas de San Antón en colaboración co Concello de Ortigueira, con sesión vermú, unha comida popular, sorteos e música durante todo o día grazas ao Trío Zafiro e a DJ Manuel Villasuso. Ao longo da tarde haberá un pasarrúas por Espasante a cargo dos mariachis do Pacífico.
O domingo, 19 de febreiro, comezarán as actividades na Alameda, onde haberá inchables, talleres de máscaras, unha festa infantil ‘Cantabaila’ e a tradicional degustación de doces de entroido, que xorde da colaboración coa Asociación Entre Fogóns. O luns 20, tamén na Alameda, volverá haber inchables para os máis pequenos, unha ‘Festa Holi’ infantil e o gran concurso de disfraces, no que se repartirán máis de 5.000 euros en premios. Todo isto amenizado polas orquestras Gran Parada e Unión e Forza.
Por último, para finalizar a programación, o venres día 24 celebrarase o Enterro da Sardiña que poñerá fin aos entroidos do ano 2023.
Entroido para os maiores en Mugardos
Mugardos presentou hoxe o Entroido de Maiores+55 que terá lugar o próximo 19 de febreiro no Casino Progreso de Franza. Trátase dunha merenda-baile que dará comezo ás 18.00 horas e estará amenizada polo “Dúo Caramba”. O evento, totalmente de balde, conta con prazas limitadas polo aforo do local, así que as persoas interesadas en participar poderán inscribirse do 6 ao 15 de febreiro nas dependencias municipais de Servizos Sociais sitas no segundo andar da Casa do Concello, que dispón de horario de atención ao público de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas.
Para o traslado dos veciños e veciñas ata o Casino Progreso de Franza, a concellería porá a disposición un servizo de bus a partir das 17.30 horas con paradas en Mugardos e no Seixo, e con regreso ao rematar o evento. A concelleira de Servizos Sociais, Ana Varela, quixo animar aos participantes a asistir cos seus disfraces, xa que todos aqueles que asistan caracterizados poderán participar no sorteo dunha cesta con produtos típicos do entroido. Varela rematou sinalando que o goberno municipal traballa para “seguir recuperando e ampliando as festas do Entroido mugardesas, xa que esta merenda-baile é un máis dos eventos organizados para o Entroido 2023, unha das edicións máis importantes e especiais logo de tantos anos con limitacións pola pandemia”.