O paseo da praia da Frouxeira será o novo escenario da exposición ‘Rostros da Memoria. Ferrol 1972’, do artista e académico Xurxo Lobato. Unha mostra promovida pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol coa colaboración das asociacións culturais Fuco Buxán, Memoria Histórica Democrática e Memoria e Dignidade. O acto de inauguración celebrarase este xoves 15 de setembro a partir das 18:00 horas coa participación do alcalde, Alberto González; o comisario da exposición, e representantes das entidades promotoras. A partir dese momento, poderá visitarse ata o 29 de setembro.
A través da mostra, Xurxo Lobato rende homenaxe ás persoas que sufriron a represión do franquismo polas loitas obreiras na cidade naval do ano 1972, que aínda están vivas e son merecentes dun recoñecemento público. Son 28 retratos realizados en blanco e negro, primeiro plano, onde se busca que a expresión do rostro co paso do tempo exprese a dor lembrada pola represión. Nun estilo sobrio, austero, minimalista, expresionista.
A exposición consta de soportes autoportantes, acondicionados para poder exhibirse ó aire libre, resistentes ás inclemencias do tempo, de modo que a súa mensaxe se poida achegar á cidadanía a través da súa presenza en espazos públicos. Trátase dunha proposta que dá continuidade ó proxecto ‘Rostros da Memoria’, realizado en 2007 e itinerante polos museos máis importantes de Galicia.