Nas próximas semanas darán comezo as obras de reforma integral do antigo palco da música de Loira para convertilo en local social e os traballos de mellora da accesibilidade da antiga unitaria de Vilaboa, hoxe local social da parroquia. O Concello de Valdoviño adxudicaba as dúas intervencións á empresa MT2001. Intervencións nas que o Concello investirá 85.718,12 euros con cargo ao POS Complementario 2019 da Deputación provincial da Coruña.
No caso de Loira, o alcalde, Alberto González, sinala que se busca dotar de maior funcionalidade a este espazo e, por ende, ao seu entorno máis inmediato, integrado pola pista polideportiva, o parque infantil instalado hai tres anos, e máis os aseos accesibles construídos polo Concello anexos ao palco. Precisamente, a actuación prevista completará esta última.
Ata o momento, o antigo palco da música está conformado por unha planta baixa destinada a local de reunións e unha planta alta deseñada como espazo de representación e usos múltiples. Data do ano 1987, construído cunha estrutura de formigón armado con pechamentos de ladrillo. Hoxe en día, non conta coas condicións mínimas esixibles de illamento e os seus acabados están obsoletos. Así mesmo, o acceso á parte alta realízase a través dunha escaleira estreita e con moita pendente, co conseguinte perigo para os seus usuarios. Un conxunto de circunstancias que o converten nun inmoble pouco útil para desenvolver actividades dentro da comunidade.
Coas obras previstas, o edificio sufrirá unha transformación radical e garantirase a accesibilidade á planta alta. Primeiramente, realizarase un drenaxe perimetral da contorna da edificación, instalaranse baixantes e canalóns de zinc, tamén ventás corredoiras plegables con rotura de ponte térmica na planta alta. Un sistema que permitirá abrir por completo a planta para realizar actividades ao aire libre. Para acceder a esa planta alta dotarase o local dunha escaleira metálica e abrirase unha porta de acceso no lateral máis próximo a esta.
Así mesmo, revestirase o chan cun pavimento de tarima flotante. Reaxustarase a instalación de electricidade e iluminación do inmoble ás novas necesidades e renovarase cada centímetro da fachada exterior.
Acceso ao local social
En Vilaboa, o Concello procederá á mellora do acceso e acondicionamento do peche do inmoble. Unha actuación moi demandada pola veciñanza que se centrará fundamentalmente no asfaltado da parte dianteira do local e na colocación dun novo peche de malla metálica nos lindes norte e oeste.