Arranca en Valdoviño o Programa Integrado de Emprego dirixido a mulleres

O obxectivo do proxecto é que como mínimo un 35% das participantes se incorporen ao mercado laboral

Fomentar e promover a igualdade entre homes e mulleres xunto co reparto equitativo do coidado da familia e das tarefas domésticas figuran entre os obxectivos do Programa Integrado de Emprego que impulsa a Mancomunidade de Concellos de Ferrol en colaboración coa Xunta de Galicia. Un programa que onte pola mañá arrancaba en Valdoviño.

Na casa consistorial, o alcalde, Alberto González, e o xerente da Mancomunidade, Luis Alcalá, deron a benvida ás 11 mulleres participantes. Deste xeito, Valdoviño é, tras Narón, o municipio con maior participación nun proxecto que aspira, como mínimo, a lograr que o 35% das participantes logren a súa entrada no mercado de traballo. O alcalde subliñou a importancia deste tipo de accións e informaba de que onte mesmo arrancaba a etapa formativa, cunha primeira xornada centrada no cooperativismo.

Para facilitar esa necesaria conciliación, as participantes tiñan á súa disposición o servizo do Punto de Atención á Infancia de Valdoviño. A partir dagora, poderán elixir a dirección na que enfocarán o seu futuro profesional, cunha oferta formativa centrada en ámbitos como a atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, operacións auxiliares de servizos de administracións xerais, auxiliar de comercio, alimentación, actividades auxiliares de restauración e outros sectores.

Valdoviño participa no Programa Integrado de Emprego xunto aos concellos de Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón e Neda. A administración autonómica e o Servizo Público de Emprego Estatal financian esta convocatoria, subvencionada con 207.000 euros, dos 230.000 euros do custe total do proxecto.

Salir de la versión móvil