As veciñas e veciños afectados de alzheimer e outras demencias xa non teñen que desprazarse fóra de Valdoviño para acceder a terapias específicas de estimulación cognitiva. Dende este mes contan con este servizo no local municipal da antiga escola de Atios grazas á colaboración entre o Concello e Afal -Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Ferrol e comarca-.
As sesións celébranse os mércores e xoves de 18.00 as 20.00 horas neste espazo, contiguo ao centro de saúde e á casa da cultura. A semana pasada, o alcalde, Alberto González, e a concelleira de Servizos Sociais, Pilar Caamaño, xunto ao presidente de Afal, Francisco Pantín, visitaron aos primeiros veciños participantes nos talleres e aproveitaron a ocasión para animar ás familias a interesarse polo proxecto e sumarse ao mesmo.
Explicaban desde o goberno local que con esta iniciativa “o Concello quere mellorar a atención ás persoas afectadas de alzheimer e outras demencias, contribuíndo ao seu benestar social e ao respiro familiar das persoas coidadoras”. A inscrición está aberta e as persoas interesadas poden solicitar máis información ou formalizar a inscrición no departamento municipal de Servizos Sociais (planta baixa da casa consistorial e teléfono 981 48 70 41 extensión 5) ou en Afal (teléfono 981 37 06 92).