O Concello de Valdoviño acollerá o vindeiro 6 de maio un dos cursos de defensa persoal feminina que organiza a Deputación Provincial da Coruña, e hoxe ábrese o prazo de presentación de solicitudes a través do formulario da web. O prazo pecharase o 30 de abril -ou unha vez se completen as 70 prazas ofertadas-. O curso, que é de balde, está dirixido a mulleres de 14 a 65 anos, e no caso de menores de idade é imprescindible achegar autorización asinada polo pai, nai ou titor legal e copia do libro de familia e DNIs da menor e persoas que autorizan.
Durante as clases, que terán lugar de 10:00 a 14:00 horas no pavillón municipal do Longoiro, poderán aprender técnicas de autodefensa e protocolos de actuación ante unha posible situación de perigo.