O Concello de Valdoviño iniciará en breve as obras de ampliación da rede de abastecemento de auga en diferentes puntos da parroquia de Meirás e Valdoviño e a de saneamento en Lago, cun orzamento de 162.790 euros. Con esa previsión, o alcalde, Alberto González, apuntou que os veciñas e veciñas que actualmente non estean conectados á rede e queran contar con estes servizos xa poden solicitar a súa futura alta en Viaqua. Pode facerse presencialmente con cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 201 230 ou a través da súa web www.viaqua.gal.
Con estas actuacións o Concello busca “garantir o acceso da veciñanza a uns servizos básicos, liña na que continuará traballando a administración na medida das súas posibilidades orzamentarias”. Máis en detalle, os proxectos consistirán na ampliación da rede de abastecemento de auga en Bacorelle, Mourente, Penela, Outeiro e na Torre, no abastecemento de auga nas Campeiras, Chamorro e As Lamelas e na ampliación do abastecemento en Portomaior e Taraza.