Un total de 46 empresas e profesionais autónomos déronse cita no auditorio da Casa da Cultura de Valdoviño para participar na xornada de networking organizada polo Concello. O obxectivo, segundo explicou o alcalde, Alberto González, era facilitar un espazo de encontro no que as diferentes firmas puidesen coñecerse entre sí e dar a coñecer os seus produtos e servizos, e promover deste xeito relacións de colaboración entre elas.
Con esa filosofía participaron neste evento empresial abordando a necesidade de establecer sinerxias e tamén proxectos conxuntos. Ademais, solicitaron a efectiva implicación da Administración local nas accións de dinamización económica que se emprendan. Cuestión que o alcalde valorou moi positivamente.
As actividades económicas dos negocios que acudiron á cita foron moi diversas e variadas, dende aquelas centradas na horta ecolóxica, comercialización de árbores e prantas e servizos de silvicultura, ata peixería, pasando polo sector textil, carpintaría metálica, construción, instalacións eléctricas, servizos funerarios, lavandería, ensinanza, actividades de animación, fisioterapia, transporte en taxi, consultoría, hostalería e restauración, aloxamentos, axuda a domicilio ou avogacía.
Así mesmo, o Concello elaborará agora un directorio de empresas cos datos facilitados e co ánimo de poder convocalas a novas reunións informativas, abríndose a posibilidade de difundir esta base de datos, que quedará aberta para ir incorporándose entidades, e poderá publicitarse na web municipal.