A Concellería de Cultura de Valdoviño abriu este luns o prazo de inscrición no XX Festival de Comparsas, que terá lugar o sábado 29 de febreiro. As agrupacións interesadas en participar terán que presentar a documentación requerida na Casa da Cultura de 11.00 a 14.00 horas ata o día 24 de febreiro.
O Festival de Comparsas repartirá 3.450 euros: 3.000 euros en concepto de axudas (un máximo de 300 por comparsa), 300 euros en axudas ao concurso de comparsas nun vale canxeable no comercio e hostalería local, e 150 euros, en tres vales de 50 euros para comercio e hostalería locais, na categoría outros. Nesta última categoría entran os disfrazados a título individual, as parellas de disfraces e grupos de ata cinco persoas.
A título de disfrace individual non se admitirán menores, pero sí poderán formar parte de parellas ou grupos sempre e cando o número de adultos sexa como mínimo do 50%. A parella ou grupo deberá de manter unha uniformidade de criterio na súa indumentaria.
O festival arrancará ás 17.30 horas cun pasarrúas entre a casa consistorial e a casa da cultura. Neste último espazo habilitarase unha carpa para acoller o festival propiamente dito, que estará conducido polo cómico galego Pedro Brandariz. Cada comparsa interpretará ante o público un máximo de dúas cancións ou parodias ou ben, unha parodia e unha canción. Así mesmo, polo menos unha delas terá que estar escrita e interpretada en linga galega e unha delas xirar en torno a Valdoviño.
O xurado estará integrado por un representante de cada unha das comparsas, que poderá votar a todas menos a aquela que representa. En todo caso, terán en conta a orixinalidade e vistosidade do disfrace, a posta en escena, as letras das cancións ou parodias, a simpatía e a animación de rúa que realice o grupo participante.
Discussion about this post