O Concello de Valdoviño vén de anunciar esta mañá a súa intención de ampliar ás escolas unitarias o programa «Concilia mañás!», un servizo de conciliación da vida laboral e familiar e almorzos que xa comezou este mes nas instalacións do CPI Atios de luns a venres de 08.00 a 09.30 horas. Ese mesmo horario é o previsto para as escolas unitarias de Lago, Taraza e Vilarrube.
Coa vista posta en comezar no mes de marzo, as persoas interesadas poden formalizar a inscrición no departamento municipal de Servizos Sociais (planta baixa da casa consistorial) e teñen á súa disposición o teléfono 981 48 70 41 extensión 5.
O custe do servizo será de 30 euros ao mes, cun desconto do 20% por irmáns. Terán preferencia as persoas de Valdoviño e familias con actividade laboral. Así mesmo, para a posta en marcha do programa precísase reunir un mínimo de 3 nenos.