Valdoviño celebrará este domingo, 21 de xuño, a sexta edición do Mercado Sostible e Ecolóxico, que este ano estará dedicado á festividade de San Xoán cunha programación que mestura artesanía, produtos de proximidade, tradición e actividades para todos os públicos.
A cita desenvolverase entre as 12.00 e as 20.30 horas na Porta do Sol, onde se instalarán 16 postos de produtores e artesáns de diferentes sectores, convertendo o espazo nun escaparate para o consumo local e sostible.
Un percorrido polas tradicións de San Xoán
A programación arrancará antes da apertura do mercado, ás 10.30 horas, cun roteiro de recollida das herbas de San Xoán guiado por Pili Silva e Rafael Quintía, autores do libro Plantas medicinais e remedios curativos da etnobotánica galega. A actividade é gratuíta, aínda que require inscrición previa.
Xa ás 12.15 horas, o propio Rafael Quintía ofrecerá unha charla sobre os ritos, mitos e tradicións vinculados á noite de San Xoán, afondando na súa importancia dentro da cultura popular galega.
Obradoiros e música durante toda a xornada
O mercado contará tamén con dous obradoiros gratuítos, un para elaborar sombreiros con flores, dirixido por Mirari Urruzola, e outro de cerámica con herbas de San Xoán, impartido pola artista local Martina Beceiro. Ambos celebraranse en dúas sesións, pola mañá e pola tarde, con inscrición o mesmo día ata completar as prazas.
A música será outro dos grandes atractivos da xornada. Ás 13.30 horas actuará La Casa del Árbol, mentres que ás 19.00 horas chegará unha das propostas máis agardadas da programación: Uxía Lambona e a Banda Molona, que presentará o espectáculo familiar Eeiii Carballeira!.
Produtos de proximidade e actividades para toda a familia
Ao longo de toda a xornada, o público poderá percorrer os postos de venda de produtos ecolóxicos, artesáns e de proximidade, ademais de participar nun punto de intercambio de libros e nun espazo infantil con xogos e actividades.
Organizado pola Concellería de Cultura e Turismo, o mercado conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística a través do programa Valdolingua IV. Vivelingua O San Xoán, que busca promover a lingua e as tradicións galegas a través de iniciativas culturais abertas á cidadanía.

