A exposición fotográfica A Mariña Somerxida que presenta o GALP A Mariña-Ortegal continúa o seu itinerario e estará exposta dende este venres e ata o 30 de novembro no Océano Surf Museo de Valdoviño. Un traballo no que os fotógrafos Hugo Fernández e Carlos Gil mostran unha colección de instantáneas orixinais documentando a vida que rodea aos mares da costa Galega. A inauguración terá lugar mañá, ás 19:00, na sala de exposicións temporais. A partir de entón, poderá visitarse de luns a venres de 11:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 horas.
As augas do noso mar ábrense nesta exposición para sorprender ao público. Mostra o mar como recurso, como forma de vida, como parte da nosa cultura mariñeira. Pretende ser ademais un referente para a divulgación, concienciación e conservación da riqueza das nosas augas. A exposición, froito de moitos anos de traballo, está en continua evolución, e sempre hai novas instantáneas e audiovisuais que irán completando a colección no futuro.
Cunha grandísima acollida durante todo o seu percorrido, esta exposición fotográfica mostra un patrimonio natural descoñecido pola maioría e pon en valor a biodiversidade somerxida a través de instantáneas orixinais. Se todavía non a viches, aproveita esta oportunidade e visita o Océano Surf Museo de Valdoviño para descubrir os fondos mariños da costa galega.