Nenos e nenas de 5º A e B de Primaria do CPI Atios, xunto á súa profe Carme Barro, participaron esta mañá na Biblioteca de Valdoviño nunha segunda sesión do Foro Galego Literario Escolar, no que tiveron a oportunidade de comentar co escritor Antonio Yáñez Casal a súa obra, ‘A complicada vida de Bieito Viqueira’. Xunto a eles, estivo tamén o profesor, investigador e escritor Antón Cortizas, encargado de guiar este programa que promove o Concello de Valdoviño.
Foi unha charla co autor con interrupcións, tal e como pedira Antonio Yáñez ao comezar a actividade, e os estudantes non dubidaron e plantear as súas preguntas no transcurso do coloquio. O escritor falou da obra, das esceas, personaxes, valores e intencións que guiaron a súa escrita. Unha escritura sen guion, que nace dunha idea básica e continúa sendo unha aventura, na que os personaxes levan a historia dun lado para outro. O programa continuará este xoves, coa presentación dunha publicación para o alumnado de 6º curso de Primaria. Unha primeira xornada que terá continuidade co coloquio co autor, como fixo o alumnado de 5º, unha vez completen a lectura da obra.
Presentación dun novo libro
A rapazada foi tamén a protagonista da representación do último libro que tivo lugar na Casa da Cultura o pasado venres. Trátase da obra ‘Xogos tradicionais galegos para tempos de recollida’. Unha publicación que reivindica o xogo tradicional fronte a tabletas, consolas e pantallas e que foi elaborada polo Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego durante o confinamento para ofrecer a nenos e maiores propostas lúdicas que poñer en práctica sen saír de casa. Un libro, segundo expuxo o escritor Antón Cortizas, que nace do afán por divulgar o que está hoxe esquecido e facilitar a aprendizaxe dos xogos nos que a humanidade aprendemos a existir. Nesa liña, e no marco do acto, o observatorio convidou a nenos e maiores a coñecer e desfrutar dalgunhas desas propostas lúdicas —os zancos, a peonza, a rá ou a corda— no anfiteatro do centro cultural.
O libro recopila 63 xogos tradicionais, ademais dunha guía de figuras de papiroflexia e outra para deseñar enredos e xoguetes feitos con tapóns de cortiza. O propio Antón Cortizas convidou o pasado venres ao público a elaborar algún deles durante o acto. Uns xogos que Somos Enredos SL inclúe dende hai anos nos campamentos e iniciativas de conciliación que leva a cabo nas programacións municipais ou centros educativos, contribuíndo á súa recuperación, tal e como explicou Manuel Seixas, o coordinador da firma. Pola súa banda, Secundino G. Mera, do Museo Etnográfico da Capela, tras realizar un convite a todos os presentes para visitar o centro, repasou a súa historia dende o seu mesmo orixe.

Explicou que o museo nace precisamente dunha experiencia escolar na que os nenos e nenas recolleron durante 2 décadas elementos sen uso das súas casas, aportando información e realizando o inventario das pezas e dispoñéndoas por todas as instalacións ata o punto de que o cole quedaba sen ocos para a súa exposición. E de aí a necesidade de crear no ano 2000 o museo, hoxe en día un orgullo para todo o pobo.
Finalmente, Xabier L. García, do CEIP A Capela e integrante do Centro de Interpretación Brinquedos, abordou a posta en marcha deste proxecto, que nacía hai exactamente dúas décadas para ofrecer aos nenos e nenas do colexio da Capela alternativas de ocio ao balón a través do xogo tradicional. Un proxecto de referencia hoxe en día en Galicia, que ten a súa esencia na total implicación do alumnado e equipo docente. A través das invitacións que cursan aos centros educativos para dar a coñecer a iniciativa, o colexio da Capela, no que estudan ao redor de medio centenar de estudantes, recibe cada ano a visita duns mil escolares, o que dá boa mostra do seu alcance.