Os alumnos do CPI Atios completan o camiño vello a San Andrés de Teixido

Chegaban onte ao mediodía ao santuario tras cubrir os 9,5 quilómetros que os separaban dende San Román

Foto de familia do alumnado á súa chegada ao santuario | CONCELLO DE VALDOVIÑO

Quinta e última etapa do Camiño Vello a San Andrés completada! Os alumnos e alumnas de 5º e 6º de Educación Primaria do CPI Atios, acompañados dos seus profesores, chegaban onte ao mediodía ao santuario tras cubrir os 9,5 quilómetros que os separaban dende San Román, punto de inicio desta última etapa.

Cun sol xeneroso, lograban o obxectivo marcado a principios de curso, realizar o camiño en 5 etapas. Arrancaban a primeira en novembro, entre o Mosteiro do Couto e o Pazo Libunca, en Narón. Continuaban a segunda en marzo, ata o miradoiro do Monte Esperón; ao mes seguinte, completaban a terceira ata a Capela da Fame, e en maio, a San Román, de onde partían hoxe.

Un reto emocionante coa saída das aulas; saudable coa práctica de exercicio en plena natureza, combatendo así o sedentarismo, e didáctico, grazas aos coñecementos adquiridos. E é que o camiño formou parte ao longo deste curso do programa educativo do centro.

Nesta ocasión, o equipo docente que acompañou aos rapaces e rapazas foron Antonio Rodríguez, Blanca Riveira, Rosa Pazos, Carmen Barro, Eva Gómez e Dolores Freire.

Os profes de 5º están a elaborar unha unidade didáctica sobre o camiño vello que parte de Narón, une con Valdoviño e chega a San Andrés de Teixido, en Cedeira. O obxectivo era, a grandes rasgos, que os nenos e nenas aprendesen lingua, lengua, mates, tecnoloxía ou educación física  a través da ruta de peregrinaxe. Un proxecto que terá continuidade, e quen sabe, quizais outros centros o adopten a partir da citada unidade didáctica.

É o segundo ano que o centro promove esta particular peregrinación, despois do éxito colleitado o pasado curso. E, agora, o horizonte amplíase, xa que máis aló de realizar a ruta e coñecer máis sobre as súas orixes e historia, tamén serve como ferramenta para favorecer unha aprendizaxe divertida e próxima nas propias aulas.

Salir de la versión móvil