Os voluntarios de Valdoviño atenderán a tódolos maiores de 80 anos do municipio

O novo programa impulsado polo Concello pretende rastrexar tódalas vivendas e controlar a estes veciños de avanzada idade para atendelos durante a crise

Ata 26 homes e mulleres de todas as parroquias de Valdoviño integran o grupo de voluntariado impulsado polo Concello para facer fronte ao coronavirus axudando a quen máis o precisa. Son estudantes de psicoloxía, veterinaria, militares, farmacéuticos ou autónomos.

Participan nos catro programas que o goberno local puxo en marcha durante esta crise sanitaria.  A través de o programa “Axuda alimentos”, encárganse de recoller os pedidos en tendas e súpers e achegalos aos domicilios de persoas maiores que viven soas ou que se atopan en situación de vulnerabilidade. O mesmo ocorre en “Menciñas”, no que tamén contactan coas farmacias, envían imaxes das tarxetas sanitarias para testar os medicamentos, recollen e trasladan.

“Ao outro lado da liña” é un programa de atención telefónica a través do cal os nosos e nosas voluntarios e voluntarias conversan con veciños e veciñas que precisan algo tan simple e vital como falar con alguén.

E “Traballo de Campo” é unha nova liña de actuación que arranca esta semana cun obxectivo claro: detectar as necesidades das persoas maiores de 80 anos. Para iso, os voluntarios percorrerán todas as nosas parroquias para interesarse por aqueles recursos que precisan dende o punto de vista social ou económico a raíz da situación xerada polo estado de alarma. A información recopilada darase traslado a Servizos Sociais para así tentar dar resposta ás necesidades.

Salir de la versión móvil