Alba Santiago Díaz presentará este venres en Valdoviño o seu primeiro libro, «El Hogar de Enma». Será na Biblioteca Municipal, a partir das 20:30 horas, e no marco do programa «Son de Aquí e Escribo», que impulsa o Concello, e no que compartirá co público as súas motivacións e inquedanzas no proceso creativo. Xunto a ela, estará Rosa María Varela, compañeira nas súas clases de francés e unha das persoas que a animou nas inquedanzas literarias das que a facía partícipe. A entrada, é libre e gratuíta, e ao remate do acto, poderase adquirir o libro e a autora asinará exemplares.
Alba escribe dende nena, e xa con dez anos, gañaba cun dos seus poemas, «Os amores», un dos premios do concurso de relato curto e poesía convocado polo CPI Atios. Ve a escrita como unha terapia, e sempre se acompaña dunha libreta e dun bolígrafo. Tras concluír os seus estudos de secretariado, e coa vista posta nas oposicións, continúa hoxe, aos seus 28 anos, formándose no mundo das letras a través de talleres e obradoiros literarios.
Precisamente, a súa participación nun deles foi o acicate para a creación do libro que este venres presenta en Valdoviño, publicado a mediados do pasado mes de marzo e hoxe dispoñible a través de Amazon. «El Hogar de Enma» é un conto infantil contra o politicamente correcto e os tabúes, que fala da liberdade de ser e de querer máis aló dos modelos tradicionais. Unha historia na que os protagonistas elixen desbotar os medos e deciden que as súas vidas serán unha eterna aventura. Del falará este venres en Valdoviño.
O Concello de Valdoviño pechará a programación cultural do mes de abril este domingo coa obra teatral «Lázaro de Tormes», da compañía Pedras de Cartón. A función está programada para este domingo ás 19:00 horas, con entrada libre ata completar aforo. Unha obra pensada para todos os públicos que recibía en 2020 a mención especial do xurado no Festival de Teatro Clásico de Almagro.
A compañía aborda nela o clásico picaresco, pero contado e representado, por primeira vez, con máscaras e sen palabras. Para iso, conta con profesionais cunha ampla traxectoria no teatro infantil e xuvenil, da man de Juan Rodríguez, socio fundador de Caramuxo Teatro. Unha delicia de posta en escea para un clásico de obrigado cumprimento.