Tres rutas guiadas para coñecer o litoral de Valdoviño este verán

Serán un total de 9 saídas para tres itinerarios, gratuítos, comezando este venres polo banco marisqueiro de Vilarrube

O programa de rutas guiadas polo litoral para coñecer os seus recursos e o oficio dos mariscadores locais

O Concello de Valdoviño reeditará o seu programa de rutas guiadas pola franxa litoral do municipio coas que busca dar a coñecer os seus principais recursos e, tamén, os oficios vencellados ao mar. Son completamente gratuítas, e realizaranse nove saídas nos meses de xullo e agosto para percorrer tres itinerarios.

A primeira terá lugar este mesmo venres, 1 de xullo, ao Banco Marisqueiro de Vilarrube, e a inscrición ábrese hoxe na Oficina Municipal de Turismo situada na Porta do Sol. As prazas están limitadas a 20 por ruta e abertas a persoas adultas e menores con dificultade baixa e duración estimada de dúas horas e media.

O areal de Vilarrube serverá de ubicación privilexiada neste primeiro roteiro á historia, evolución e dinámica dun oficio non tan coñecido e recoñecido como pensamos, o marisqueo. A evolución e profesionalización do sector, as tarefas diarias, as técnicas de extracción, as variedades de produto e a xestión de conservación abordaranse nun marco único como é o areal de Vilarrube.

A desembocadura e estuario dos ríos Mesta e Ferrerías conforman unha estrutura xeomorfolóxica única con gran valor paisaxístico, pero ademais alberga unha das zonas de marisqueo habituais das traballadoras do mar, as mariscadoras de Vilarrube. Ademais do 1 de xullo, a ruta repetirase o 29 de xullo e o 16 de agosto. 

A segunda ruta leva por título Percebeiros de Meirás, centrada no coñecemento dun oficio de alto risco. As costas do Concello de Valdoviño son testemuña da extracción deste prezado marisco dos seus roquedos e cantís batidos polo Atlántico. Percebeiros a pé ou a flote.

O alto valor económico deste marisco é xustificado neste percorrido puidendo coñecer as zonas de traballo, as técnicas e ferramentas utilizadas para á extracción, a evolución e profesionalización do sector e as medidas de conservación da especie e do medio para que este oficio tradicional se manteña no tempo. As rutas celebraranse os días 15 de xullo e 11 e 25 de agosto. 

Por último, o programa inclúe a Senda das Ondas, un sendeiro sinalizado que nos permite coñecer os catro areais do territorio mais relevantes. Ademais, o gran valor paisaxístico e riqueza ambiental quedan amplamente xustificados polas figuras de protección ambiental actuais vixentes a nivel europeo.

A orografía abrupta comeza a facerse presente segundo vamos avanzando cara ó norte, as cotas dos cantís ascenden en altitude deixando miradoiros privilexiados para a observación das especies de flora e fauna protexidas e características dos hábitats de roquedos, ademais das panorámicas únicas e privilexiadas. Para este último programa, as datas de celebración serán o 23 de xullo e 6 e 27 de agosto.

Salir de la versión móvil