Valdoviño xa ten preparada a súa oferta deportiva OcioSol 2022 para este verán e cuxo prazo de inscrición tamén está aberto. Así, a oferta inclúe ximnasia de mantenemento, baloncesto, tenis, fútbol-sala, atletismo e multixogo. Todas elas desenvolveranse ao aire libre, na contorna da Frouxeira, e máis concretamente, na pista deportiva situada en pleno paseo. En caso de choiva, trasladaríanse ao pavillón municipal do Longoiro, agás ximnasia, que se celebraría na Casa da Cultura.
A estas actividades súmase tamén natación en diferentes modalidades e aquagym na piscina municipal de Lago. A inscrición está aberta e pode formalizarse a través da páxina web do concello.
As cotas establecidas para participar oscilan entre os 7,37 e os 12,54 euros ao mes. Todas as actividades están dirixidas a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, agás multixogo, de 4 a 10 anos, e ximnasia de mantenemento, para persoas adultas.
No caso de que se cubran as prazas das actividades, o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, avanzou que se estudará a posibilidade de aumentar a oferta das mesmas, e en todo caso, terán preferencia as persoas empadroadas no municipio. Pola contra, en caso de non acadar un número mínimo de participación, a actividade cancelarase.
Apertura da piscina municipal
O Concello de Valdoviño tamén ven de informar da apertura do prazo de inscrición nas diferentes actividades que, no marco do programa deportivo OcioSol, desenvolverá na piscina municipal de Lago durante o verán. Así, a programación inclúe natación en diferentes niveis: iniciación, intermedio, perfeccionamento e adultos; natación para bebés, aquagym e nado libre.
As persoas interesadas en tomar parte deben inscribirse, ata o 27 de xuño ás 14 horas na web municipal. Os prezos oscilan dende os 7,37 euros ata os 12,54 euros en función da actividade e da idade das persoas usuarias. Así mesmo, no caso de aquagym, está dirixida a toda a familia e só é necesario que as persoas participantes teñan coñecementos de natación.
En caso de que a demanda exceda a oferta de prazas, as persoas empadroadas no municipio terán prioridade na concesión.