O Concello de Valdoviño iniciou o proceso de selección de persoal para o Servizo de Salvamento e Socorrismo nas praias do municipio coa convocatoria de 32 prazas de socorrista e unha de coordinador de cara á tempada estival de 2026.
As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude desde este martes 9 de xuño e durante cinco días hábiles, preferentemente a través da sede electrónica municipal ou no Rexistro Xeral da casa consistorial. As bases da convocatoria foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
Contratos para os meses de xullo e agosto
As persoas seleccionadas formalizarán un contrato laboral temporal de 62 días naturais, coincidindo co período comprendido entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, aínda que o Concello contempla a posibilidade de ampliar o servizo se as necesidades así o requiren.
Os postos serán a xornada completa e organizados por quendas. As retribucións establecidas ascenden a 1.600 euros brutos mensuais para os socorristas e a 1.800 euros brutos ao mes para a persoa que desempeñe a coordinación do servizo.
Requisitos e proceso de selección
Entre os requisitos para participar figura ter cumpridos os 16 anos e estar inscrito no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia, na sección de espazos acuáticos naturais. Non obstante, tamén poderán presentarse persoas que estean tramitando a inscrición ou cursando a formación necesaria, sempre que completen o rexistro antes do inicio do contrato.
A selección realizarase mediante o sistema de concurso-oposición. Ademais das prazas convocadas, crearase unha bolsa de emprego coas persoas que superen o proceso sen obter posto, co obxectivo de cubrir posibles vacantes ou incidencias ao longo da campaña de verán.
As bases da convocatoria e o modelo de solicitude poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia.

